
A Xunta anuncia un investimento de dous millóns de euros para a rehabilitación integral do centro, mentres as familias reclaman explicacións polo estado actual das instalacións
A visita do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, ao CEIP de Prácticas da Coruña estivo marcada polas protestas de nais e pais polo estado das instalacións do centro.
Durante o encontro, varias familias trasladaron directamente ao conselleiro o seu malestar, lembrando que as deficiencias do edificio xa foran obxecto de numerosas protestas durante o curso pasado e que, segundo denuncian, a situación continúa sen resolverse.
Nun momento da conversa, unha nai chegou a preguntarlle ao conselleiro: «Ti traerías aquí os teus fillos?». As familias reclamaron actuacións concretas e cuestionaron que, pese ás protestas realizadas anteriormente, os problemas do centro continúen presentes.
Rodríguez tratou de dialogar cos pais e nais e comprometeuse a que un técnico se desprazaría esa mesma tarde ao centro para avaliar os desperfectos. O conselleiro sinalou, ademais, que parte da problemática ten que ver coa titularidade do inmoble, xa que o edificio afectado é propiedade da Universidade da Coruña.
Dous millóns de euros para a rehabilitación
A visita serviu tamén para anunciar un investimento de 2 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia para acometer unha rehabilitación integral do centro.
Segundo informou a Administración autonómica, a actuación incluirá a renovación das cubertas, fachadas, illamento, carpinterías exteriores e interiores e instalación eléctrica, mantendo o valor patrimonial do edificio, deseñado polo arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez a mediados do século XX como Escola Normal de Maxisterio.
A Xunta asegura que asumirá en solitario esta intervención e prevé contratar o proxecto este mes, licitar a obra no segundo trimestre de 2027 e iniciar os traballos no verán dese ano, cun prazo estimado de execución de doce meses.
Para poder executar a actuación será necesario, segundo explicou a Xunta, chegar a un acordo de cesión de espazos coa Universidade da Coruña, que o Goberno galego agarda pechar «o antes posible».
Un anuncio sen referencia ás protestas
Porén, chama a atención que na publicación realizada nas redes sociais por Belén do Campo sobre a visita se poña o foco exclusivamente no futuro investimento e na rehabilitación do edificio, sen facer referencia ás protestas protagonizadas polas familias durante a visita nin ás reclamacións formuladas directamente ao conselleiro.
A publicación destaca que a Xunta «non quere seguir agardando» para mellorar as condicións da comunidade educativa e presenta a intervención como unha actuación «ambiciosa» para recuperar o edificio.
As familias, pola súa banda, reclaman que os anuncios de futuro vaian acompañados de solucións inmediatas para os problemas que afectan actualmente ao alumnado e ao persoal do centro, especialmente ante os incidentes e desperfectos que motivaron as súas protestas.
O investimento anunciado abre así un horizonte para a rehabilitación integral do CEIP de Prácticas, pero as familias continúan á espera de que as medidas anunciadas se traduzan en actuacións concretas e nunha mellora efectiva das condicións do centro.
