A Xunta reúnese coa confraría de Camelle nunha xornada de escoita activa co sector pesqueiro

Camariñas (A Coruña), 18 de setembro de 2026.– O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, acompañado polo subdirector xeral de Pesca, Pedro Riveiro, mantivo onte unha reunión co patrón maior da confraría de pescadores de Camelle, Xosé Xoán Bermúdez, nas instalacións do pósito, para coñecer de primeira man as principais preocupacións e necesidades do sector pesqueiro e marisqueiro da zona.

Durante o encontro, os representantes da Consellería do Mar abordaron diferentes cuestións de interese para os profesionais do sector, entre elas a situación da pesqueira do polbo e a petición de incluír o porto de Santa Mariña como porto secundario.

Precisamente, esta última demanda foi trasladada sobre o terreo durante a visita realizada polos responsables da Xunta ao porto de Santa Mariña. O obxectivo desta visita foi coñecer directamente as características e necesidades da instalación, así como analizar a viabilidade da proposta formulada pola confraría.

A reunión permitiu avanzar no coñecemento das necesidades trasladadas polo sector e estudar posibles vías de solución que contribúan a mellorar as condicións de actividade dos profesionais da pesca e do marisqueo na zona.

Desde a Consellería do Mar salientaron a importancia de manter unha interlocución directa coas confrarías e cos profesionais do sector para coñecer as súas demandas e avaliar posibles actuacións que permitan dar resposta ás necesidades existentes nos portos e nas actividades pesqueiras.