Gobernar tamén é atender o que non se ve

Hai anuncios que, polo momento no que chegan, invitan cando menos a reflexionar.

O Concello de Malpica anuncia a adxudicación de 204.225,20 euros para ensanchar e mellorar a estrada entre Brión e O Castro, en Leiloio. Unha actuación que, como calquera mellora das comunicacións, pode ser necesaria e beneficiosa para a veciñanza.

Pero a pregunta é inevitable: e o resto do concello?

Mentres se anuncian novas obras, hai lugares onde as estradas presentan un estado lamentable, puntos sen iluminación, núcleos sen saneamento ou sen abastecemento de auga e parroquias que levan anos reclamando actuacións básicas.

En Seiruga, por exemplo, hai vías que precisan dunha atención urxente. E non é o único lugar. A maleza segue sendo unha presenza habitual en moitos puntos do municipio, ofrecendo unha imaxe que pouco ten que ver coa que debería proxectar un concello que pretende coidar e poñer en valor o seu territorio.

E hai tamén cuestións que seguen pendentes na memoria colectiva: a piscina municipal, aínda sen abrir, ou o centro de día, por poñer dous exemplos de proxectos que levan demasiado tempo sen ofrecer á veciñanza o servizo que se esperaba deles.

E agora chega tamén a campaña de concienciación «O mar comeza aquí», para lembrar que o lixo que tiramos na rúa pode acabar no mar. Unha iniciativa ambiental que, en principio, é positiva. Pero tamén resulta inevitable preguntarse se non deberiamos empezar por coidar mellor aquilo que xa temos.

Porque podemos poñer mensaxes nas alcantarillas para lembrar que o mar comeza aquí, pero tamén deberiamos lembrar que o concello comeza nas súas parroquias.

Comeza nunha estrada digna.
Nunha farola que funciona.
Nunha rede de saneamento que chega a todos os lugares.
Nun abastecemento de auga garantido.
Nun espazo público desbrozado e coidado.
Nun servizo que funciona cando a veciñanza o necesita.
E tamén na seguridade das nosas praias, onde a presenza de socorristas non debería depender da fortuna nin das circunstancias.

Non se trata de estar en contra de que se fagan obras en Leiloio. Trátase de preguntarnos cal é o modelo de prioridades para todo Malpica.

Un concello non se pode gobernar pensando só no que queda ben nun anuncio ou nunha nota de prensa. Gobernar tamén é atender os problemas menos vistosos, os que non dan titulares, os que afectan á vida diaria da xente.

E cando a poboación é limitada e os recursos non son infinitos, precisamente por iso cómpre falar de prioridades, planificación e equilibrio entre parroquias.

Porque ao final, detrás de cada estrada, cada farola, cada tubaxe ou cada servizo que falta, hai veciños e veciñas que pagan os seus impostos e que teñen dereito a recibir unha atención digna, vivan onde vivan dentro do concello.

Menos anuncios e máis planificación.
Menos propaganda e máis mantemento.
E, sobre todo, un concello para todas as parroquias, non só para as fotografías.