O BNG de Laxe denuncia unha posible escombreira improvisada nunha finca municipal de Boaño

A formación nacionalista reclama ao goberno local que aclare a procedencia dos residuos, a existencia de autorización municipal e a súa posible afectación a unha zona próxima a un parque infantil

O BNG de Laxe reclama explicacións ao goberno municipal pola presenza de escombros nunha finca de titularidade municipal situada en Boaño, ao carón dunha zona destinada ao xogo das nenas e nenos.

Segundo sinala a formación nacionalista, a veciñanza advertiu da acumulación de residuos de obra no terreo público e apunta á posibilidade de que procedan dunha obra privada. O BNG considera necesario aclarar quen autorizou o depósito, no caso de existir autorización, e se se iniciou algún expediente municipal relacionado coa utilización da parcela.

A formación tamén pregunta se os residuos foron correctamente xestionados e trasladados a un destino autorizado, así como se o Concello avaliou a idoneidade de depositar este tipo de materiais nas proximidades dun parque infantil.

Desde o BNG lembran que a normativa galega en materia de residuos establece condicións para a produción, xestión e tratamento dos residuos de construción e demolición. Neste sentido, reclaman ao goberno local que faga público o expediente correspondente e a documentación que permita comprobar a legalidade do depósito.

«Se existe autorización e todo se axusta á normativa, que mostren o expediente. Se non existe, que se retire o escombro e se determinen as responsabilidades», sinala a formación nacionalista.

O BNG considera que o Concello debe aclarar canto antes a situación e determinar a procedencia dos residuos, o responsable do depósito e as actuacións previstas para garantir que o terreo municipal se utiliza conforme á normativa.