Iago Toba denuncia unha agresión física no Santuario da Barca e asegura que existen cámaras e testemuñas

O exalcalde de Muxía polo PSOE afirma que o incidente xa foi denunciado e que as imaxes das cámaras de seguridade permitirán esclarecer o sucedido

O exalcalde de Muxía polo PSOE, Iago Toba, denunciou publicamente ter sufrido unha agresión física no interior do Santuario da Barca, en Muxía. Segundo explica o propio Toba, no momento dos feitos había varias persoas presentes e existirían cámaras de seguridade no recinto que poderían contribuír ao esclarecemento do sucedido.

Sufrín unha agresión física dentro do Santuario da Barca por quen xa é sabido en Muxía levan anos violentándome a min e ao meu entorno político e persoal”, afirma Toba nunha mensaxe difundida publicamente.

O exrexedor asegura ademais que existen “múltiples testemuñas” e “probas contundentes” sobre o ocorrido. Entre esas probas, sinala especialmente as cámaras instaladas no santuario: “Hai cámaras en todo o santuario, polo que hai imaxes que demostran todo. Estou tranquilo”, manifesta.

Denuncia e vía xudicial

Toba asegura que os feitos foron postos en coñecemento das autoridades “dende o minuto cero” e que o asunto se atopa xa “denunciado e xudicializado”.

Na súa intervención, o exalcalde tamén fai referencia á difusión posterior de información sobre o incidente. Segundo a súa versión, determinadas persoas estarían trasladando información a xornalistas “sen dar a cara” coa intención de prexudicar a súa imaxe pública e persoal.

Primeiro agreden e agora publícanllo a xornalistas (sen dar a cara) para tentar manchar o meu nome e a miña imaxe política e persoal. Non o consentirei”, sinala.

O político socialista defende que será a investigación e, no seu caso, a vía xudicial a que permita determinar as responsabilidades correspondentes. “Demostrarei todo como sempre fixen”, conclúe.

Polo momento, as acusacións formuladas por Toba deberán ser contrastadas no marco da investigación aberta, e a existencia de testemuñas, gravacións e demais probas deberá ser determinada polas autoridades competentes.