
A directora da Escola Galega de Administración Pública, Sonia Rodríguez-Campos, participou na clausura da XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto, celebrado na USC
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2026. A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, participou esta tarde na clausura da XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto, celebrado na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Durante a súa intervención, Rodríguez-Campos puxo en valor a transparencia como un elemento esencial para reforzar a confianza da cidadanía nas institucións e destacou o papel da formación e da profesionalización do persoal empregado público para avanzar cara a unha Administración máis moderna, íntegra e próxima.
A directora da EGAP salientou tamén os retos que a transformación dixital e a intelixencia artificial presentan para as Administracións públicas. Neste sentido, sinalou a necesidade de incorporar estas novas ferramentas garantindo en todo momento principios como a legalidade, a igualdade, a responsabilidade e o servizo ao interese xeral.
No ámbito da integridade pública, Rodríguez-Campos referiuse á importancia de abordar cuestións como os conflitos de intereses, a contratación pública, as axendas oficiais ou os agasallos, ao tempo que incidiu na necesidade de seguir fortalecendo a cultura da integridade e a formación do persoal empregado público.
A responsable da EGAP destacou igualmente a importancia de facilitar unha comunicación pública clara e accesible e de reforzar a colaboración entre as distintas Administracións, o ámbito académico, os organismos de control e supervisión e a sociedade civil.
Rodríguez-Campos puxo de relevo o papel da EGAP como institución ao servizo da modernización da Administración pública galega e da preparación do seu persoal ante unha realidade administrativa en permanente transformación. Segundo explicou, a formación permite anticiparse aos cambios, reducir riscos, mellorar capacidades e reforzar a resposta das institucións ás necesidades da sociedade.
Máis de 300 participantes de 20 países
A XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Goberno Aberto reuniu en Santiago de Compostela máis de 300 persoas procedentes de 20 países. Ao longo das dúas xornadas do encontro abordáronse os principais desafíos actuais no ámbito da transparencia e o goberno aberto.
Entre as cuestións tratadas figuraron a relación entre transparencia e seguridade, o impacto da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías no dereito de acceso á información, a integridade pública e os conflitos de intereses, a regulación dos grupos de interese e a contratación pública.
O programa incluíu tamén sesións dedicadas á protección de datos, a ciberseguridade, a desinformación, a accesibilidade e a comunicación clara, poñendo o foco nos retos que afrontan as Administracións e as institucións para garantir unha información pública máis accesible e comprensible.
O encontro contou coa participación de representantes de universidades, órganos de control e supervisión, Administracións públicas e organizacións da sociedade civil. Entre as entidades participantes estiveron o Consello de Contas de Galicia, a Oficina Antifraude de Cataluña, a Axencia Española de Protección de Datos, Transparencia Internacional España, Fundación Hay Derecho e Access Info Europe.
Esta edición incorporou ademais unha dimensión internacional coa participación da Universidade Central de Chile, ampliando o espazo de diálogo coa comunidade latinoamericana e favorecendo o intercambio de experiencias e coñecemento arredor da transparencia e o goberno aberto.
Un espazo de colaboración e intercambio
A clausura contou coa participación, entre outras autoridades, da secretaria xeral da Universidade de Santiago de Compostela, Alicia Villalba Sánchez; da decana da Facultade de Dereito, Ana María Gude Fernández; do presidente da Axencia Española de Protección de Datos, Lorenzo Cotino Hueso; do conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Juan Carlos Aladro Fernández; do coordinador xeral do Congreso, Anxo Varela Hernández; e da secretaria xeral do Congreso, Yolanda Fernández Vivas.
Na parte final da súa intervención, a directora da EGAP incidiu na necesidade de continuar avanzando nunha Administración baseada na transparencia, a integridade, a profesionalización e a proximidade á cidadanía.
Rodríguez-Campos concluíu sinalando que unha Administración transparente, íntegra, profesional e próxima é unha Administración máis preparada para responder aos desafíos do presente e para afrontar o futuro cun propósito claro: servir mellor á cidadanía.


