A plataforma «Esteiro en Pé» solicita unha reunión con Costas para abordar o peche da pasarela peonil de Evaristo

A veciñanza reclama coñecer os prazos e actuacións previstas para recuperar unha conexión peonil considerada de especial importancia para Esteiro

A plataforma cidadá «Esteiro en Pé» presentou unha solicitude ante a Demarcación de Costas en Galicia para manter unha reunión co responsable deste organismo e abordar a situación da pasarela peonil de Evaristo, en Esteiro (Muros), que permanece pechada ao uso público.

Segundo recolle o escrito presentado o 21 de setembro de 2026, a plataforma está integrada por veciños e persoas usuarias desta infraestrutura, e pretende coñecer directamente cal é a situación actual da pasarela, así como as actuacións técnicas ou administrativas previstas para recuperar a conexión peonil.

Unha infraestrutura de importancia para a veciñanza

No documento, «Esteiro en Pé» sinala que o peche da pasarela está a dificultar os desprazamentos habituais da veciñanza e doutras persoas usuarias, especialmente daqueles colectivos que necesitan realizar os seus percorridos por esta zona.

A plataforma manifesta que non solicita a apertura da pasarela mentres non existan as condicións de seguridade necesarias, e subliña que a prioridade debe ser garantir a seguridade das persoas.

O que reclama é que as administracións competentes traballen de maneira coordinada para buscar unha solución segura, definitiva e nun prazo razoable.

Preto de 1.000 sinaturas

Outro dos argumentos expostos pola plataforma é o respaldo cidadán á petición. Segundo consta no escrito, aproximadamente 1.000 persoas apoiaron mediante a súa sinatura unha petición presentada inicialmente ante o Concello de Muros, reclamando medidas para recuperar esta conexión peonil con garantías de seguridade.

«Esteiro en Pé» considera que este apoio evidencia a preocupación existente entre a veciñanza de Esteiro e doutras zonas próximas.

Solicitan información sobre prazos e alternativas

Entre as peticións formuladas á Demarcación de Costas figura a solicitude de información sobre as actuacións previstas pola Administración competente, así como, na medida do posible, sobre os prazos estimados para a reparación, rehabilitación ou reconstrución da pasarela, unha vez realizados os correspondentes informes técnicos.

A plataforma tamén pide que se estuden alternativas técnicas e legalmente viables que permitan recuperar ou facilitar unha conexión peonil segura entre as zonas actualmente afectadas.

No escrito tamén se solicita que a Demarcación de Costas valore a importancia social desta infraestrutura e manteña unha interlocución directa tanto co Concello de Muros como coa propia plataforma cidadá.

«Que o peche non se converta nunha situación indefinida»

«Esteiro en Pé» deixa constancia de que o seu obxectivo é coñecer de primeira man a situación da pasarela e as posibles alternativas para recuperar a conexión peonil, sempre respectando os criterios técnicos e de seguridade que sexan esixibles.

A plataforma solicita agora que a Demarcación de Costas dea resposta por escrito á petición e indique, se procede, as posibles datas para manter a reunión solicitada.

O documento está asinado polos representantes da plataforma José Manuel Romero Rodríguez e David Fernández Lado, veciños de Esteiro.