
A Confraría de Pescadores de Lira levou a cabo o proxecto de acondicionamento dos bancos marisqueiros “A Berberecheira” e “Portocubelo”, unha actuación financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través dunha axuda de 4.082 euros destinada a proxectos colectivos.
No marco desta actuación, a entidade realizou o arado de 118.000 metros cadrados do banco marisqueiro da Berberecheira e de 4.600 metros cadrados do banco de Portocubelo. Estes traballos permitiron mellorar as condicións do substrato e favorecer a actividade marisqueira desenvolvida nestas zonas.
Aproveitando os labores de acondicionamento, o colectivo marisqueiro realizou tamén un traslado de xuvenís de berberecho desde zonas con maior densidade de individuos cara a outras áreas máis axeitadas para o seu desenvolvemento, sempre dentro do propio banco da Berberecheira. Esta actuación ten como finalidade contribuír a unha mellor distribución dos recursos marisqueiros e favorecer o seu crecemento.
Beneficios para o sector marisqueiro
Os principais beneficiarios deste proxecto son as persoas mariscadoras participantes no Plan Conxunto de Moluscos Bivalvos das confrarías de Lira e O Pindo, que poderán desenvolver a súa actividade nunhas condicións máis favorables.
Entre os obxectivos acadados destacan:
- Mellorar as condicións do substrato das praias da Berberecheira e Portocubelo.
- Facilitar o traballo das persoas mariscadoras mediante a descompactación do substrato.
- Favorecer o crecemento dos moluscos bivalvos grazas á mellora da osixenación do substrato.
- Facilitar os labores de rareo e traslado de exemplares cara a zonas máis axeitadas para o seu desenvolvemento.
Con este proxecto, a Confraría de Pescadores de Lira continúa apostando pola mellora e conservación dos bancos marisqueiros, contribuíndo á xestión sostible dos recursos e á protección dunha actividade fundamental para a economía e o tecido social das comunidades mariñeiras da zona.


