
O accidente laboral produciuse este luns nunha empresa situada en Requián.
Un traballador faleceu este luns en Betanzos tras sufrir un accidente laboral nunha empresa situada na zona de Requián. Segundo a información facilitada inicialmente aos servizos de emerxencias, o operario fora atropelado por unha carretilla e quedara atrapado baixo o vehículo.
O 112 Galicia recibiu o aviso arredor das 16:15 horas e, de inmediato, mobilizou os servizos de emerxencias necesarios para atender o suceso. Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urgencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Betanzos, a Policía Local, a Garda Civil e Protección Civil.
Á súa chegada, os bombeiros comprobaron que o traballador finalmente non se atopaba atrapado baixo a carretilla. Con todo, os servizos sanitarios desprazados ata o punto realizaron diversas manobras para tratar de salvarlle a vida.
Malia os esforzos dos profesionais sanitarios, nada se puido facer por salvar a vida do traballador, que faleceu no propio lugar do accidente.
O suceso está sendo investigado para esclarecer as circunstancias nas que se produciu este accidente laboral.
