
A primeira xornada contará coa participación da socióloga Elvira Santiago Gómez, da Universidade da Coruña, este sábado 10 de outubro ás 19:15 horas no Auditorio Capela do Pilar.
A Asociación Boca de Sapo, comunidade ecosocial e cultural, pon en marcha este mes de outubro as «Xornadas Arredor do Lume», un ciclo de encontros destinado a abordar desde diferentes perspectivas as múltiples causas e consecuencias dos incendios forestais e a súa relación coa transformación do territorio rural.
Baixo a inspiración do título do filme O que arde, as xornadas pretenden abrir un espazo para a reflexión colectiva arredor dun fenómeno que afecta non só aos nosos montes, senón tamén á diversidade, ao rural e á cultura propia das comunidades que habitan o territorio.
O despoboamento do rural, as políticas de prevención, os factores socioeconómicos e as transformacións que está a experimentar o territorio serán algúns dos asuntos que se porán enriba da mesa ao longo deste ciclo. Unha proposta que busca afastarse da mirada inmediata e simplificadora coa que moitas veces se aborda a problemática dos incendios.
A intención de Boca de Sapo é falar de vagar, crear un espazo para escoitar, compartir coñecementos e debater colectivamente, fóra das présas da actualidade mediática, do ruído das redes sociais e dos bulos e discursos interesados que adoitan acompañar a información sobre os incendios forestais.
«Lume! Análise Social dos Incendios Forestais»
A primeira das xornadas terá lugar este sábado 10 de outubro, ás 19:15 horas, no Auditorio Capela do Pilar, e contará coa participación da socióloga Elvira Santiago Gómez, veciña e investigadora da Universidade da Coruña, que presentará o seu traballo «Lume! Análise Social dos Incendios Forestais».
Elvira Santiago Gómez é titular no Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña, onde participa como investigadora no Grupo LAPSO de Análise e Prospectiva Socio-política. É tamén membro da Federación Española de Socioloxía e da European Sociological Association, así como secretaria da Asociación STS España.
Con esta primeira sesión, Boca de Sapo quere contribuír a ampliar a mirada sobre os incendios forestais e favorecer un debate no que o lume sexa abordado desde a súa complexidade social, económica, territorial e ambiental.
A asociación irá dando a coñecer ao longo das próximas semanas as demais propostas e actividades que formarán parte das «Xornadas Arredor do Lume» durante este mes de outubro.
Desde Boca de Sapo animan a toda a veciñanza a participar nestes encontros e a construír comunidade arredor dunha cuestión que nos afecta colectivamente.
Unha invitación a achegarnos ao lume desde a palabra, a reflexión e o diálogo.
