O IES Terra de Soneira leva a creatividade e os sons de Vimianzo ao festival Vimindie

O alumnado do centro participa en varias propostas artísticas e presentará o proxecto VimianSons, un mapa sonoro colaborativo do concello

O IES Terra de Soneira participa activamente no Festival de Autoedición Vimindie, que se celebra en Vimianzo, cunha programación que converte o alumnado en protagonista da creación artística e cultural. O centro colaborará tanto na ambientación visual do festival como na presentación dun proxecto de autoedición dixital centrado na paisaxe sonora do concello.

No marco desta colaboración, o alumnado de 4º de ESO realizará unha intervención artística colectiva na cristaleira da Casa da Cultura de Vimianzo. A proposta, vinculada á creatividade e á identidade visual de Vimindie, partirá dos bosquexos e da composición elaborados previamente na aula e trasladarase posteriormente ao espazo público mediante debuxos realizados con rotuladores acrílicos.

A intervención pretende dar visibilidade ao traballo artístico do alumnado, reforzar a súa autoestima creativa e contribuír á dinamización cultural e ao embelecemento da vila. Ademais, a iniciativa forma parte dunha proposta máis ampla de decoración de escaparates de diferentes negocios de Vimianzo, facendo da creatividade un elemento de transformación e participación no espazo común.

A programación do festival terá tamén como protagonista o Departamento de Música do IES Terra de Soneira, que presentará o xoves 29 de outubro o proxecto VimianSons, un mapa sonoro colaborativo dedicado á paisaxe acústica de Vimianzo.

Coordinado polo profesor de Música Efraím Díaz, VimianSons nace do traballo do alumnado, que participa activamente na observación, gravación, edición e publicación dos sons da súa contorna. O proxecto pretende descubrir o territorio a través da escoita e crear un arquivo aberto que recolla parte da identidade sonora do concello.

Para iso, o alumnado realiza gravacións en diferentes puntos de Vimianzo, acompaña cada rexistro cunha fotografía e xeolocalízao nun mapa dixital. Os sons clasifícanse en biofonía, xeofonía e antropofonía, segundo procedan da natureza, do medio físico ou da actividade humana.

Tras a recollida, os audios son editados con Audacity, onde se revisan, normalizan, recortan e exportan en formato MP3, incorporando tamén os correspondentes datos de autoría, título e ano. As pezas son conservadas en Archive.org e integradas nun mapa dixital creado con UMap, que permite acceder a cada gravación desde o lugar no que foi realizada.

VimianSons constitúe así unha proposta de autoedición dixital e aprendizaxe-servizo que combina música, tecnoloxía, creación audiovisual e coñecemento da contorna. O proxecto sitúa o alumnado como creador e editor dun recurso cultural aberto e contribúe, ao mesmo tempo, á posta en valor dun patrimonio inmaterial tan próximo como os sons cotiáns de Vimianzo.

A presentación de VimianSons terá lugar no micro aberto de proxectos creativos de centros educativos da Costa da Morte, en formato Pechakucha, no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, dentro da programación do festival.

A participación do IES Terra de Soneira en Vimindie reafirma así o compromiso do centro coa creación artística, a innovación educativa e a conexión coa contorna, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de pasar de ser mero espectador a converterse en creador, divulgador e participante activo na vida cultural de Vimianzo.