A Garda Civil detivo un home en Ordes como presunto autor dun delito de tráfico de drogas, tras intervirlle máis dun cento de doses de haxix que agochaba en varios ‘zulos’ nunha zona de monte próxima á localidade.
A actuación, bautizada como Operación Veraniega, foi desenvolvida polo equipo ROCA da Garda Civil de Santiago e permitiu desactivar un punto negro de venda de droga ao miúdo.
A investigación comezou despois de detectar a presenza habitual de persoas na contorna dun parque de Ordes. As vixilancias realizadas polos axentes permitiron comprobar que un individuo se dedicaba presuntamente á venda de haxix ao miúdo na zona.
O sospeitoso, xa coñecido polas forzas policiais, fora detido anteriormente en ata tres ocasións por feitos similares.
As pescudas permitiron determinar que o home agochaba a droga en varios ‘zulos’ nunha zona de monte próxima, aos que acudía para abastecerse antes de realizar as vendas. A Garda Civil detívoo tras sorprender unha das transaccións.
Nos escondites, os axentes localizaron máis dun cento de doses de haxix distribuídas en pequenas bolsas de plástico, así como cartos en efectivo fraccionados.
O detido foi posto a disposición xudicial como presunto autor dun delito de tráfico de drogas.
