O BNG da Laracha abstense no Plan Estratéxico de Subvencións por discrepar do reparto anticipado dos fondos

A formación nacionalista apoia a elaboración dun plan para ordenar as axudas municipais, pero rexeita que se fixen de antemán as contías que recibirá cada entidade durante os próximos tres anos.

A Laracha, 9 de outubro de 2026. O BNG da Laracha abstívose no pleno celebrado este venres na votación do Plan Estratéxico de Subvencións presentado polo goberno municipal, ao considerar que, aínda que é necesario contar cun instrumento que ordene a política municipal de axudas, non resulta axeitado deixar pechado desde agora o reparto económico entre as entidades para os próximos tres anos.

A formación nacionalista valora positivamente a elaboración deste plan, previsto na Lei Xeral de Subvencións, pero cuestiona que se determinen anticipadamente os importes concretos que recibirá cada entidade beneficiaria. Para o BNG, o documento debería establecer as liñas estratéxicas e os obxectivos das subvencións municipais, sen predeterminar as cantidades que se asignarán a cada colectivo.

A portavoz do BNG tamén puxo o foco na duración trianual do plan, que supera o período da actual lexislatura municipal. A formación considera inadecuado que o goberno actual condicione con tanto detalle a política de subvencións dos próximos anos, limitando a capacidade de decisión de futuras corporacións. «No caso de gobernar nós, seguramente replantexariamos este reparto», sinalou.

Outro dos aspectos que preocupa á formación nacionalista é que o propio documento atribúe á Xunta de Goberno Local a competencia para modificar posteriormente o reparto, o que, ao seu xuízo, reduce a participación dos grupos da oposición nas decisións sobre as axudas ás entidades.

O BNG tamén cuestiona a interpretación das cifras globais difundidas publicamente polo goberno municipal, ao considerar que presentar os importes sen contextualizalos pode transmitir unha imaxe de incremento dos recursos maior da real. A formación lembra que é necesario ter en conta a inflación, a evolución do custo da vida e o encarecemento dos gastos que tamén afectan as asociacións e os colectivos do municipio.

Ademais, a formación nacionalista advirte de que non se pode prever con exactitude cantas entidades solicitarán subvencións nos próximos exercicios, nin o volume ou as características das actividades que desenvolverán. Por iso, defende que a política municipal de axudas debe manter a flexibilidade necesaria para adaptarse ás necesidades reais do tecido asociativo.

Por estes motivos, o BNG da Laracha optou pola abstención, ao non poder apoiar o documento nos termos presentados polo goberno municipal. A formación reafirma o seu compromiso coa planificación das subvencións públicas, pero reclama que esta sirva para establecer prioridades e obxectivos, non para deixar predeterminado o reparto económico dos próximos anos nin limitar a capacidade de decisión futura do Concello.