

O acto celebrarase o sábado 17 de outubro, ás 18.00 horas, no Local Social de Fornelos, e estará aberto a toda a veciñanza.
O PSdeG-PSOE de Zas entregará o vindeiro sábado 17 de outubro o Premio Mª Isabel Suárez Amado a María Luisa Roel Cebral, coñecida como Marisa, e Estrella Balsas Pose, fundadoras da Asociación A Fonte de Fornelos, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario. O acto terá lugar ás 18.00 horas no Local Social de Fornelos e estará aberto a toda a veciñanza.
O recoñecemento pretende poñer en valor a traxectoria de dúas mulleres que contribuíron decisivamente á creación e consolidación dunha entidade que, vinte anos despois, continúa a ser un espazo de encontro, participación e dinamización da vida comunitaria.
Estrella Balsas, veciña de Fornelos de toda a vida, foi a impulsora da creación da asociación e a súa primeira presidenta. Pola súa banda, Marisa Roel chegou á localidade, namorouse da súa vida veciñal e incorporouse ao proxecto desde os seus inicios. Mestra en Fornelos, converteuse tamén nunha das fundadoras da entidade.
Xuntas traballaron para construír un espazo de convivencia e participación que hoxe segue a ser unha referencia para a veciñanza. Ambas continúan vinculadas ás actividades da asociación e manteñen o seu apoio ao labor da actual directiva, que lles profesa un especial afecto.
Un premio para manter vivo o legado de Isabel Suárez Amado
O Premio Mª Isabel Suárez Amado naceu co obxectivo de preservar a memoria desta muller referente e recoñecer o traballo das mulleres rurais de Zas que, desde ámbitos como a cultura, o asociacionismo, o teatro, a música, a tradición ou a política, contribúen ao desenvolvemento social e cultural do municipio.
A portavoz do PSdeG de Zas, Sheila Rial, destaca o significado dun galardón que busca visibilizar o compromiso das mulleres coa súa contorna e fortalecer os vínculos comunitarios.
«É un premio de recoñecemento que leva o nome de Isabel Suárez Amado. O premio leva impreso a Isabel, leva o seu nome, e o seu deseño é unha “I” que, ademais de ser a inicial de Isabel, simboliza a forza, o camiño andado e o labor realizado. Unha “I” que se converte no talo dunha rosa, simbolizando a esperanza, o amor, a igualdade, a lealdade e esta familia da que Isabel sempre formará parte», explica Rial.
A portavoz socialista considera que Marisa e Estrella son merecedoras desta distinción pola súa capacidade para crear comunidade e polo percorrido da asociación ao longo destas dúas décadas.
«Este ano é moi merecido para dúas mulleres que fixeron unha verdadeira comunidade e, claro está, vendo o éxito de vinte anos da asociación», sinala. Rial destaca tamén o «amor profundo» co que ambas falan de Fornelos e o respecto e o cariño que senten pola Asociación A Fonte, así como o seu desexo de que continúe medrando e sumando éxitos.
Un recoñecemento ao papel das mulleres rurais
A entrega do premio celebrarase con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, unha data que o PSdeG de Zas aproveita para reivindicar a contribución das mulleres á vida social, cultural e comunitaria do municipio.
Desde a agrupación socialista subliñan que a homenaxe a Marisa e Estrella representa tamén unha oportunidade para reivindicar o exemplo de Isabel Suárez Amado e a importancia da unión e do compromiso colectivo na construción dunha sociedade máis cohesionada.
«Este ano é, ademais, moi especial poder outorgar este premio, creado con tanto cariño e respecto para seguir homenaxeando a unha persoa que o merece como Isabel, a Marisa e Estrella en Fornelos, porque ademais este ano a asociación cumpriu vinte anos e están protagonizando unha loita conxunta moi xusta e dando un exemplo enorme de unión», destaca Sheila Rial.
O acto celebrarase no Local Social de Fornelos, por petición das propias homenaxeadas, e estará aberto a todas as persoas que queiran acompañalas nesta celebración.
«Será unha tarde de celebración, de recordar, de seguir co legado de Isabel e de felicitar estas dúas mulleres que tanto o merecen», conclúe a portavoz do PSdeG de Zas.
