Manolo González recibe en Padrón el Premio FOCO á Traxectoria 2026 polo seu labor na recuperación do patrimonio audiovisual galego

Anxo Arca entregalle a Manolo Gonzalez o Premio Foco. Foto: Juan Martinez

A II Mostra de Cinema Galego homenaxeou o investigador e primeiro director da Filmoteca de Galicia nunha xornada dedicada á memoria do cinema galego e ao legado de José Gil.

Padrón, 16 de outubro de 2026.– O Concello de Padrón entregou este venres a Manolo González o Premio FOCO á Traxectoria 2026, en recoñecemento ao seu labor na conservación, investigación e divulgación do patrimonio audiovisual galego. O acto, celebrado no Auditorio do Campus Tecnolóxico Cortizo, enmarcouse na programación da II Mostra de Cinema Galego FOCO.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, foi o encargado de entregar o galardón e destacou a traxectoria dun profesional que dedicou boa parte da súa vida á recuperación da memoria filmográfica de Galicia, así como á formación e ao acompañamento das novas xeracións do sector audiovisual.

Manolo González foi o primeiro director do Centro Galego das Artes da Imaxe, actual Filmoteca de Galicia, desde onde promoveu a conservación e a posta en valor do patrimonio cinematográfico galego. Ademais, exerceu como profesor na Escola de Imaxe e Son da Coruña e desenvolveu un importante labor investigador, contribuíndo ao coñecemento e á difusión da historia do cinema en Galicia.

Unha homenaxe á memoria do cinema galego

A entrega do Premio FOCO á Traxectoria 2026 estivo estreitamente vinculada á figura de José Gil, fotógrafo e pioneiro do cinema galego. González liderou unha investigación fundamental para recuperar e reivindicar a obra deste creador, contribuíndo a situar a súa figura no lugar que lle corresponde dentro da historia cultural galega.

A xornada comezou coa proxección do documental José Gil, fotógrafo e pioneiro do cine, dirixido por Miguel Romero, unha peza que recupera a traxectoria vital e profesional deste pioneiro.

O acto concluíu coa exhibición de Voda en Padrón, 1929, unha filmación de apenas tres minutos atribuída a José Gil. As imaxes recollen a cerimonia nupcial de Dolores Pérez e Joaquín San Martín, celebrada na vila padronesa o 22 de maio de 1929.

A proxección permitiu achegar ao público unha testemuña visual de Padrón de hai case un século e reivindicar a importancia de conservar e difundir os documentos audiovisuais como parte esencial da memoria colectiva.

Música e audiovisual na recta final da Mostra

A II Mostra de Cinema Galego FOCO continuará este sábado, 17 de outubro, na Fundación Rosalía de Castro, cunha programación que combina cinema e música galega.

Ás 18.00 horas proxectarase a curtametraxe BASAL, seguida dun coloquio coa súa directora, Ugía Pedreira. A obra aborda a vida da cantautora xunto á súa filla, Lua Awel, e a súa relación coa música a través dun relato íntimo no que conflúen a memoria, os coidados, a creación e as paisaxes sonoras e visuais.

Ás 19.30 horas, Factoría de Subsistencia, banda liderada polo actor Josito Porto, ofrecerá un concerto cunha proposta dinámica que combina composicións propias, interpretación e interacción co público.

A Mostra despedirase o domingo 18 de outubro cunha xornada que mesturará música, audiovisual e creación emerxente da comarca. Ás 13.00 horas, a St. James Dixie Band levará ás rúas de Padrón os ritmos do jazz dos anos vinte, cun espectáculo inspirado no dixieland, o second line e o swing.

DaCasa, unha aposta polo talento novo da comarca

A programación do domingo continuará ás 18.00 horas na Fundación Camilo José Cela coa estrea de DaCasa, unha nova sección de FOCO destinada a dar visibilidade ás creadoras e aos creadores novos da contorna.

Nesta primeira edición participarán Laura Sixto, de Padrón; Zeltia Iglesias, de Rois; e Telmo Portas, de Pontecesures, que compartirán co público as súas experiencias e traballos no ámbito audiovisual.

Laura Sixto, profesional con experiencia en produción, vestiario e dirección de arte, presentará o seu labor como xefa de produción no videoclip Fai Tempo, do grupo The Rapants, ademais doutros proxectos nos que participa.

Pola súa banda, Zeltia Iglesias explicará o proceso creativo do Premio FOCO á Traxectoria 2026, elaborado a partir dun fotograma da película Nuestras fiestas de allá, de José Gil. Telmo Portas achegará a súa experiencia en proxectos de ficción, documental, videocreación e produción audiovisual.

Con esta nova sección, a Mostra busca consolidar un espazo propio para as novas xeracións e favorecer o recoñecemento do talento creativo máis próximo.

Todas as actividades da II Mostra de Cinema Galego FOCO son de acceso gratuíto ata completar a capacidade dos espazos.