
O acto celébrase este sábado no Local Social de Fornelos para recoñecer o labor de dúas mulleres que levan vinte anos contribuíndo á vida comunitaria da parroquia.
Zas, 17 de outubro de 2026. O PSdeG de Zas entrega este sábado, ás 18.00 horas, o Premio Mª Isabel Suárez Amado a Marisa e Estrella, fundadoras da Asociación A Fonte de Fornelos, que este ano celebra o seu vixésimo aniversario. A entrega terá lugar no Local Social de Fornelos e estará aberta a toda a veciñanza.
Este recoñecemento ten como obxectivo manter vivo o legado de Isabel Suárez Amado e poñer en valor o traballo das mulleres rurais de Zas que, desde diferentes ámbitos, contribúen a mellorar a vida das súas comunidades.
Nesta edición, o premio distingue a Marisa e Estrella polo seu compromiso e pola súa contribución á creación e consolidación dunha asociación que leva dúas décadas promovendo a participación e a convivencia veciñal en Fornelos.
«Este ano é moi merecido para dúas mulleres que fixeron unha verdadeira comunidade e, claro está, vendo o éxito de vinte anos da asociación», sinala Sheila Rial, portavoz e concelleira socialista.
O acto organízase arredor do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se conmemora cada 15 de outubro, unha data que reivindica o papel fundamental das mulleres no desenvolvemento e na dinamización do rural.
Rial anima a veciñanza a participar nesta homenaxe, que servirá tamén para lembrar a figura de Isabel Suárez Amado e dar continuidade ao seu legado. «Será unha tarde de celebración, de recordar e seguir co legado de Isabel e de felicitar estas dúas mulleres que tanto o merecen», destaca.
Con esta entrega, o PSdeG de Zas reafirma o seu compromiso co recoñecemento das mulleres que, co seu esforzo e dedicación, contribúen a fortalecer a vida social e comunitaria do municipio.
