
O Concello de Boqueixón promove unha formación presencial e práctica sobre o uso da Intelixencia Artificial (IA) no ámbito laboral, co obxectivo de achegar estas ferramentas á cidadanía e facilitar a súa aplicación nas tarefas profesionais do día a día.
O curso, baixo o título «IA para o traballo», desenvolverase no Centro Sociocultural de Lestedo e está dirixido a persoas interesadas en aprender a utilizar a IA de maneira sinxela, práctica e eficaz, mesmo sen contar con coñecementos previos.
Ao longo das sesións, as persoas participantes aprenderán a empregar estas ferramentas para organizar información, redactar correos electrónicos e textos, preparar ideas, resumir documentos e axilizar tarefas repetitivas. A formación desenvolverase paso a paso, cun enfoque práctico orientado a mellorar a produtividade e incorporar a IA á rutina profesional con criterio.
O curso comezará o 29 de outubro, con sesións os xoves, de 20.00 a 21.30 horas. A formación terá unha duración total de 12 horas, distribuídas en oito sesións, cun custo de 35 euros ao mes.
As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o 23 de outubro, a través do enderezo electrónico formacion@pedridofotografia.com.
Para que a actividade poida levarse a cabo, será necesario acadar un mínimo de 12 participantes.
Con esta iniciativa, o Concello busca favorecer o coñecemento e o uso práctico das novas tecnoloxías, ofrecendo ferramentas que poden contribuír a aforrar tempo, mellorar a organización e traballar con maior eficacia.
