
O Concello de Trazo acolleu hoxe a visita da delegada territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, con motivo da inauguración do Obradoiro de Emprego Terras de Lengüelle II, unha iniciativa conxunta dos concellos de Trazo, Oroso, Tordoia e Cerceda.
Durante nove meses, un total de 20 persoas desempregadas recibirán formación e emprego nas especialidades de conservación e mellora de montes, e de viveiros, xardíns e centros de xardinería.
Este programa ten como obxectivo favorecer a inserción laboral das persoas participantes e contribuír á conservación dos espazos naturais e á mellora das zonas verdes dos concellos implicados.
O Obradoiro de Emprego Terras de Lengüelle II representa unha aposta pola colaboración entre administracións para impulsar a formación, crear oportunidades laborais e mellorar o territorio.
Unha iniciativa que combina formación, emprego e compromiso co desenvolvemento sostible da contorna.
