
O Concello de Rianxo continúa avanzando nas obras de creación dunha nova zona deportiva situada xunto ao Pavillón Municipal José Manuel Abuín «Chema», unha actuación que responde a unha antiga demanda das familias rianxeiras ante a falta deste tipo de espazos na vila.
O proxecto contempla a construción dunha pista multideporte e a instalación dun circuíto de calistenia, co obxectivo de ampliar a oferta de instalacións deportivas ao aire libre e facilitar a práctica de actividade física entre a veciñanza.
A actuación conta cun orzamento total próximo aos 50.000 euros. Para a súa execución, o Concello recibiu unha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia por un importe superior aos 33.000 euros.
Con esta intervención, o municipio busca dar resposta ás necesidades da cidadanía, especialmente das familias e da mocidade, mediante a creación de novos espazos destinados ao deporte, ao lecer e á promoción de hábitos de vida saudables.

