
A cita congregará 250 persoas esta fin de semana e permitirá dar a coñecer o potencial turístico, cultural, gastronómico e industrial do municipio
Padrón, 22 de outubro de 2026.— Padrón converterase esta fin de semana no punto de encontro de representantes de máis de cen municipios de toda España coa celebración do VI Encontro Anual de Pueblos Mágicos de España. Baixo o lema Unha rede que multiplica, o evento reunirá arredor de 250 persoas para compartir experiencias, impulsar a colaboración entre territorios e abordar os retos dun turismo sostible, inclusivo e xerador de oportunidades.
O alcalde de Padrón e presidente do comité organizador, Anxo Arca, será o encargado de dar a benvida ás persoas participantes este venres no Pazo de Arretén. Durante o acto, recibirá a bandeira de Pueblos Mágicos de España como representante do municipio anfitrión. A Deputación da Coruña tamén estará presente no cóctel de benvida a través da campaña A paisaxe que sabe, que porá en valor a gastronomía do territorio.
Arca destaca que o encontro permitirá amosar o potencial turístico, cultural, gastronómico e industrial de Padrón, ademais de fortalecer os vínculos con outros municipios. A localidade foi a primeira da provincia da Coruña en incorporarse a esta rede, que conta con 160 concellos de toda España. O rexedor salienta a importancia de tecer alianzas e crear sinerxías para favorecer o desenvolvemento local e xerar novas oportunidades.
O turismo sostible e inclusivo, protagonistas da xornada do sábado
A programación central desenvolverase o sábado no Campus Tecnolóxico Cortizo. Na inauguración, Anxo Arca abordará a importancia de avanzar cara a un modelo turístico que beneficie o conxunto do municipio e que aposte polo intercambio de coñecementos e a cooperación entre territorios.
No acto tamén intervirán o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Regueira; o presidente do Ecosistema Mágico de España, Francisco Martín; e o director de Relacións Institucionais de Estrella Galicia, Rubén Valverde.
O programa reservará un espazo destacado para as iniciativas que conectan o turismo coa comunidade. Na sesión Turismo inclusivo. Talentos ao servizo da comunidade, a xerente e unha persoa usuaria da Asociación AMIPA compartirán a súa experiencia no proxecto Camiño á Inclusión, unha proposta que pon o foco na participación e nas oportunidades das persoas con discapacidade.
Patrimonio, cultura e identidade local
Ao longo da fin de semana, as persoas asistentes tamén terán a oportunidade de descubrir o patrimonio e a identidade de Padrón mediante diferentes actividades vinculadas á figura de Rosalía de Castro, ao Padrón Xacobeo, ao Xardín Botánico-Artístico e ao mercado dominical.
O encontro completarase co anuncio de novos Lugares Máxicos de España e coa entrega do distintivo Monumento Máxico do Ano 2026.
Con esta cita, Padrón reforza a súa proxección como destino turístico e cultural e consolida a súa participación nunha rede estatal que aposta pola cooperación municipal, a posta en valor dos recursos locais e un turismo capaz de contribuír ao desenvolvemento dos territorios.



