Comezan as obras de mellora da estrada e e dos servizos no núcleo larachés da Esquipa, na parroquia de Lendo

A iniciativa é froito dun convenio de colaboración entre os Concellos da Laracha e de Arteixo para intervir nesa zona limítrofe. O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e os edís de obras de ambos municipios, Pablo Cambón e José Manuel Caamaño, mantiveron un encontro no lugar das actuacións para comprobar in situ o inicio das obras.

Aínda que a maior parte da intervención afecta a territorio de Arteixo, a totalidade das actuacións beneficiarán á veciñanza dos dous termos municipais por tratarse de obras que mellorarán os equipamentos e servizos da Esquipa, facendo ese núcleo de poboación máis accesible, sostible e respectuoso co medio ambiente. Contémplase levar o servizo de saneamento mediante a creación da rede de sumidoiros e dunha estación depuradora de augas residuais. Ademais, vai ser ampliada a plataforma da calzada e mellorada a estrada.

O proxecto está valorado nun total de 510.000 euros e é subvencionado nun 50 % pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Cooperación Local para investimentos de carácter estratéxico da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Dado que o 75 % das obras son no termo municipal de Arteixo, tamén se distribúen os custes a asumir polos Concellos nesas mesmas proporcións, polo que á Laracha lle corresponde achegar 63.436,75 euros, ademais dos máis de 7.000 euros que supuxo a adquisición, mediante expediente de expropiación, dos 472 metros cadrados de terreos afectados.