O alumnado do IES Mosteirón descobre o oficio tradicional da carpintería de ribeira no Astaleiro de Ciprián

A visita, enmarcada no proxecto de cooperación «Relevo xeracional: o futuro do mar», permitiu coñecer o proceso artesanal de construción das embarcacións tradicionais e o patrimonio marítimo de Outes.

40 alumnos e alumnas de 3º da ESO do IES Mosteirón participaron nunha visita ao Astaleiro de Ciprián, en Outes, para descubrir como se construían os barcos desde cero nunha carpintería de ribeira. A actividade desenvolveuse no marco do proxecto de cooperación **«Relevo xeracional: o futuro do mar»**, que busca achegar a mocidade aos oficios tradicionais vinculados ao mar.

Acompañados por Nacho, guía turístico do Concello de Outes, os estudantes percorreron arredor de 1,5 quilómetros pola zona litoral, nun itinerario no que puideron descubrir vestixios de antigas fábricas de salgadura e carpinterías de ribeira. O percorrido rematou no Astaleiro de Ciprián, un antigo estaleiro convertido hoxe en espazo museístico.

Un dos aspectos máis destacados da visita foi coñecer como se desenvolvía o proceso de construción das embarcacións. Antigamente, no Astaleiro de Ciprián encargábanse de todas as fases do traballo: desde a corta das árbores e o serrado da madeira ata a súa preparación para a construción dos barcos.

Tratábanse de labores artesanais que se realizaban no propio estaleiro, sen depender doutros establecementos para obter a madeira preparada. Un exemplo do coñecemento técnico e da autosuficiencia que caracterizaban as antigas carpinterías de ribeira.

Durante a visita, o alumnado tamén coñeceu os **sancosmeiros**, embarcacións tradicionais características desta zona, así como a importancia da carpintería de ribeira na historia e no desenvolvemento das comunidades costeiras.

A través de experiencias como esta, o proxecto «Relevo xeracional: o futuro do mar» contribúe a transmitir ás novas xeracións o valor dos oficios tradicionais e a importancia de conservar o patrimonio marítimo galego. Porque coñecer o pasado é tamén unha maneira de comprender o presente e contribuír a construír o futuro do sector do mar.