
Ángel Tarrío Tobar asiste ao encontro, que analiza a execución dos programas FEDER 2021-2027 e os principais retos da política de cohesión europea
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2026.– A Xunta de Galicia participa no Foro de Economía e Política Rexional, que se celebra os días 28 e 29 de outubro en Melilla, a través do director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, Ángel Tarrío Tobar.
O encontro reúne as administracións implicadas na xestión dos fondos europeos para compartir experiencias, coordinar actuacións e avanzar na execución dos programas de financiamento, así como para analizar os principais desafíos da política de cohesión da Unión Europea.
Durante as xornadas, os participantes abordarán a evolución dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para o período 2021-2027, con especial atención ás previsións de execución financeira, ao cumprimento da regra N+3 e aos sistemas de xestión e control. Tamén se tratarán as prioridades estratéxicas e as novidades en materia de verificacións, controis e auditorías.
O programa inclúe, ademais, unha análise dos avances e das próximas actuacións previstas na aplicación informática Fondos 21-27, así como da situación dos programas de cooperación territorial europea Interreg. Outro dos eixes do foro será a avaliación da política de cohesión, co obxectivo de mellorar a eficacia e os resultados das intervencións financiadas con recursos europeos.
A participación da Xunta neste encontro enmárcase no labor de seguimento e coordinación que desenvolve a Administración autonómica para garantir unha xestión eficiente dos fondos europeos e favorecer o máximo aproveitamento das oportunidades de financiamento dispoñibles para Galicia.
A presenza galega neste foro permite compartir coñecementos e experiencias con outras administracións e avanzar na coordinación dos mecanismos necesarios para impulsar a execución dos programas europeos e reforzar o impacto dos investimentos no territorio.
