O BNG reclama á Xunta a limpeza das gabias e melloras na drenaxe da estrada AC-441 en Santa Comba

A formación nacionalista demanda actuacións urxentes para evitar asolagamentos, reducir os riscos de accidentes e garantir a seguridade viaria na parroquia da Pereira.

O BNG reclama á Xunta de Galiza e ao Concello de Santa Comba que actúen con urxencia para solucionar os problemas de drenaxe e mantemento da estrada AC-441, que une Santa Comba e Mazaricos, especialmente no treito comprendido entre os quilómetros 0 e 2, na parroquia da Pereira.

A través dunha batería de iniciativas rexistradas no Parlamento galego, a deputada Saleta Chao e o deputado Luís Bará esixen medidas para resolver unha problemática que se prolonga desde hai anos e que provoca continuos asolagamentos cando chove, dificultades para a circulación e inundacións en propiedades privadas.

A situación foi comprobada sobre o terreo por Saleta Chao e Xoán David Sixto, portavoz municipal do BNG de Santa Comba, nun encontro coa veciñanza afectada. Segundo explicou Sixto, as reclamacións xa foron trasladadas tanto á Xunta como ao Concello e mesmo á Valedora do Pobo, sen que ata o momento se adoptasen solucións efectivas.

O portavoz nacionalista sinala que a pendente da estrada favorece a acumulación de auga na parte baixa, polo que considera imprescindible limpar as gabias e instalar un canal soterrado que facilite a evacuación das augas. Ademais, denuncia a existencia de sumidoiros obstruídos con cemento e a falta de actuacións comprometidas desde 2024.

Os problemas de drenaxe xa provocaron dúas saídas de vía por aquaplaning ao comezo do inverno de 2024, unha circunstancia que evidencia o perigo para as persoas usuarias da estrada. A esta situación súmase a preocupación pola velocidade de circulación, xa que a vía mantén un límite de 90 quilómetros por hora malia atravesar un núcleo poboado. Segundo denuncia o BNG, nos últimos dez anos producíronse tamén dous falecementos por atropelo.

A deputada Saleta Chao considera necesario acometer traballos urxentes de mantemento e mellorar a condución das augas procedentes de regatos e mananciais, orientando a súa evacuación cara ao río, situado a uns 500 metros da estrada.

O BNG insiste en que tanto a Xunta como o Concello deben asumir as súas responsabilidades e dar resposta ás demandas da veciñanza da Pereira. A formación nacionalista reclama actuacións concretas que poñan fin aos problemas de drenaxe e garantan unhas condicións adecuadas de seguridade para a poboación e para todas as persoas que utilizan esta vía.