A familia Vidal recibe o premio ‘Padrón, Berce do Xacobeo 2026’ pola súa contribución ao turismo de calidade

O Concello recoñeceu a traxectoria de máis de 40 anos do Grupo Scala e distinguiu os seus integrantes como Peregrinos de Honra nun acto celebrado na igrexa de Santiago

A familia Vidal, impulsora do Grupo Scala, recibiu o galardón ‘Padrón, Berce do Xacobeo 2026’, unha distinción coa que o Concello recoñece a súa contribución ao desenvolvemento turístico, gastronómico e patrimonial da vila. A cerimonia tivo lugar onte na igrexa de Santiago, onde os integrantes da familia foron distinguidos tamén como Peregrinos de Honra.

O recoñecemento pon en valor máis de catro décadas de traxectoria empresarial, así como o compromiso da familia cun modelo turístico baseado na calidade, a hospitalidade e a promoción dos recursos locais. Trátase, ademais, da primeira ocasión na que este galardón recae nunha familia, destacando a continuidade xeracional dun proxecto estreitamente vinculado a Padrón.

Durante o acto, o alcalde, Anxo Arca, impúxolle a capa de peregrino e entregoulle o bastón de Peregrino de Honra a Manuel Vidal pai, mentres que a súa esposa recibiu unha réplica do Pedrón. Pola súa banda, Manuel Vidal pai e Manuel Vidal fillo asinaron no Libro de Honra do Concello.

Na súa intervención, o rexedor destacou a achega do Grupo Scala á experiencia das persoas que visitan Padrón, especialmente a través da súa oferta gastronómica e dunha atención caracterizada pola proximidade e a amabilidade. Arca agradeceu tamén a implicación da familia na difusión da gastronomía local e dos recursos turísticos vinculados ao Camiño de Santiago.

O alcalde puxo igualmente en valor a colaboración do grupo con diferentes iniciativas municipais, como a celebración do congreso de Pueblos Mágicos de España e o financiamento do alumeado de Nadal. Segundo sinalou, estes exemplos amosan a importancia da cooperación entre a Administración local e o tecido empresarial para mellorar a oferta turística e a calidade de vida da veciñanza.

Arca relacionou este compromiso compartido cos retos que presenta o Xacobeo 2027, unha oportunidade para reforzar o protagonismo de Padrón no Camiño de Santiago, conservar o patrimonio e avanzar na mellora dos servizos turísticos. O rexedor rematou agradecendo á familia Vidal o seu traballo por “deixar sempre no máis alto o nome de Padrón”.

Un proxecto familiar iniciado en 1980

En representación da familia, Manuel Vidal fillo agradeceu a distinción e lembrou os comezos dun proxecto empresarial que botou a andar en 1980 e que foi medrando ao longo dos anos ata incorporar a segunda xeración, coa terceira xa en camiño.

O representante familiar reafirmou a vontade de preservar os valores transmitidos polos seus pais: o espírito familiar, a unidade, a proximidade e a hospitalidade. Tamén quixo compartir o recoñecemento co resto da familia, co equipo de profesionais e coa clientela, aos que definiu como parte esencial desta historia.

Tras máis de 40 anos de esforzo, traballo e sacrificio, pero tamén de numerosas satisfaccións, Vidal explicou que a hostalaría é para eles moito máis ca unha actividade empresarial: é unha forma de vida baseada en abrir as portas da súa casa para que cada persoa se sinta acollida.

“Padrón é a nosa casa, a nosa vida”, afirmou, ao tempo que expresou o compromiso de continuar traballando coa mesma ilusión e dedicación para que a vila siga sendo un lugar de acollida, encontro e referencia.

O Grupo Scala está integrado polo Hotel Scala, o Asador O’Pazo, o Pazo de Arretén e o Restaurante Brandal. A súa actividade abrangue os ámbitos do aloxamento, a restauración e a celebración de eventos, contribuíndo á promoción turística, gastronómica e patrimonial de Padrón.

A cerimonia contou coa presenza de representantes do Goberno municipal e da Corporación, así como do comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez; do alcalde de Dodro, Xabier Castro Tourís; e do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, entre outras autoridades.

Ao remate do acto, tanto o alcalde como o párroco trasladaron as súas condolencias ás familias e amizades das vítimas do accidente ferroviario rexistrado en Toledo.