Esteiro en Pé denuncia a falta de interese das institucións polo arranxo da ponte de Evaristo

A plataforma Esteiro en Pé volve levantar a voz para denunciar a falta de interese das institucións públicas competentes na reparación da ponte de Evaristo, unha infraestrutura cuxo arranxo continúa pendente e que preocupa á veciñanza.

Desde Faro da Costa queremos trasladar tamén a nosa preocupación por esta situación e dar a coñecer as xestións realizadas arredor desta reivindicación. Ata o momento, *o único partido político que se puxo en contacto con Faro da Costa para abordar a situación da ponte de Evaristo foi Muros Centrado*.

Segundo nos trasladaron desde esta formación, están cansos de incluír reiteradamente a cuestión da ponte nas sesións plenarias do Concello e de atoparse, unha e outra vez, con respostas negativas por parte do Goberno municipal.

Esta situación volve poñer sobre a mesa a necesidade de que as administracións competentes deixen de lado a inacción e ofrezan solucións concretas para unha demanda que segue sen resposta.

Desde Esteiro en Pé e Faro da Costa considérase fundamental que esta reivindicación non caia no esquecemento e que as institucións implicadas asuman a súa responsabilidade, expliquen cal é a situación actual do proxecto e aclaren que pasos se van dar para facer realidade o arranxo da ponte de Evaristo.

A veciñanza precisa respostas, compromisos e feitos. Porque a reparación desta infraestrutura non pode continuar indefinidamente á espera dunha solución.