


Onte a mañá apareceu roto un dos paneis laterais de cristal da pista municipal de pádel da Picota, aparentemente tras recibir un forte golpe desde o exterior.
O sucedido constitúe un novo acto vandálico contra unha instalación pública utilizada diariamente pola veciñanza. Os danos ocasionados deberán ser reparados con fondos públicos, o que supón un custo que terá que asumir o conxunto da cidadanía.
Ante estes feitos, o Concello xa presentou a correspondente denuncia ante a Garda Civil para que se investigue o sucedido e se poida esclarecer o ocorrido.
Desde o Concello lamentan profundamente este tipo de comportamentos, que danan os bens comúns e prexudican a toda a comunidade, e apelan á responsabilidade e ao respecto polas instalacións municipais, que están ao servizo de todos os veciños e veciñas.
