O PP de Arzúa denuncia a falta de mantemento no ximnasio e na piscina municipal

O Partido Popular de Arzúa denuncia que as instalacións do ximnasio e da piscina municipal continúan sen recibir as melloras necesarias, malia as críticas trasladadas anteriormente sobre o seu estado.

Tras unha nova visita realizada onte ás instalacións, os populares aseguran que a situación segue sen cambios e que os usuarios continúan sufrindo as consecuencias da falta de mantemento e dunha xestión que consideran insuficiente.

Desde o PP local critican que, malia haber tres partidos no goberno municipal, non se estean a realizar as actuacións necesarias para conservar unhas instalacións deportivas que forman parte dos servizos públicos do municipio.

«Tres partidos no goberno e nin sequera son capaces de manter o que herdaron», sinalan desde a formación popular.

O PP de Arzúa reclama actuacións que permitan garantir unhas instalacións deportivas en condicións adecuadas, seguras e dignas para todos os veciños e veciñas.

Os populares insisten en que Arzúa merece uns servizos deportivos á altura das necesidades da cidadanía e conclúen cunha mensaxe clara: **menos propaganda e máis xestión.**