A Valedora do Pobo esixe ao Concello de Arteixo que aclare a situación do Bar O Ferrador tras as denuncias de Alternativa Enxebre

Noelia Martínez Canosa denuncia a falta de respostas municipais, advirte das posibles responsabilidades legais e revela os insultos machistas recibidos polo responsable do establecemento.*

*ARTEIXO, 3 de novembro de 2026.* A Valedora do Pobo instou ao Concello de Arteixo a aclarar a situación administrativa do Bar O Ferrador, situado en Chamín, tras as reclamacións presentadas pola concelleira de Alternativa Enxebre, Noelia Martínez Canosa.

Mediante unha resolución do 29 de outubro, a institución formulou un recordatorio de deberes legais ao Concello, ao que esixe responder ás solicitudes presentadas e realizar as inspeccións necesarias para comprobar a legalidade da actividade.

«Esta resolución é froito do traballo de Alternativa Enxebre. Se hoxe a Valedora está esixindo explicacións ao Concello é porque presentamos reclamacións e non aceptamos respostas insuficientes», afirma Martínez Canosa.

A concelleira lembra que as actuacións comezaron tras denunciar a presunta ocupación irregular do dominio público diante do establecemento, onde se retiraron unhas liñas amarelas pintadas sen autorización e un panel que obstaculizaba o tránsito peonil.

Segundo denuncia, a raíz destas reclamacións, o responsable do local dirixiulle insultos e comentarios machistas tanto nas redes sociais como mediante mensaxes privadas enviadas á páxina oficial de Alternativa Enxebre.

«Quixo facerse o gracioso insultándome, pero só demostrou unha absoluta falta de educación e un comportamento machista inadmisible. Nin me van intimidar nin vou deixar de exercer as miñas funcións de fiscalización», manifesta.

## O Concello debe aclarar a situación do establecemento

A resolución da Valedora lembra que a antigüidade dun negocio non o exime de cumprir a normativa e que a falta de localización dos expedientes administrativos non xustifica a inactividade municipal.

O Concello dispón dun mes desde a recepción do recordatorio para comunicar a súa resposta á institución.

Martínez Canosa reclama saber se o Bar O Ferrador conta cos títulos habilitantes necesarios, se as instalacións cumpren as condicións de seguridade e que inspeccións realizou o Concello.

A edil advirte de que, se se detectan incumprimentos ou ausencia das autorizacións esixibles, deberán adoptarse as medidas legais correspondentes, incluído o eventual peche do establecemento. Tamén lembra que unha posible omisión dos deberes de inspección podería dar lugar a responsabilidades patrimoniais para o Concello, se concorren os requisitos legais.

## Calvelo e Castro deben dar explicacións

A concelleira considera que o alcalde, Carlos Calvelo, e o responsable de Urbanismo, Alberto Castro, deben explicar que documentación existe e que actuacións se realizaron.

«En Arteixo non pode haber establecementos de primeira e de segunda en función de quen sexa o propietario ou das súas relacións persoais. A Administración ten que actuar coa mesma esixencia para todos», afirma.

Alternativa Enxebre anuncia que continuará reclamando información e esixindo que o Concello cumpra o recordatorio da Valedora do Pobo.

«Non imos aceptar que este asunto quede sen esclarecer. Seguiremos defendendo a legalidade e os intereses da veciñanza, sen que os ataques persoais ou os insultos machistas condicionen o noso traballo», conclúe Noelia Martínez Canosa.