
A conselleira de Política Social e Igualdade destacou o labor da entidade na protección da infancia, a atención ás persoas maiores e o acompañamento ás vítimas de violencia de xénero.
A Coruña, 4 de novembro de 2026. A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia con Cruz Vermella para continuar ofrecendo unha atención coordinada ás persoas en situación de vulnerabilidade. Fíxoo nunha reunión celebrada este mércores coa presidenta de Cruz Vermella en Galicia, Mercedes Casanova, e outros membros da directiva, na que tamén participou a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Docampo.
Durante este primeiro encontro coa entidade, Ángeles Vázquez puxo en valor o traballo que desenvolve Cruz Vermella en distintos ámbitos sociais, entre eles a protección da infancia, a atención ás persoas en risco de exclusión social, o apoio ás vítimas de violencia de xénero e o acompañamento ás persoas maiores.
A conselleira destacou tamén o labor da organización na xestión da central telefónica de atención á soidade non desexada, un servizo impulsado pola Xunta para ofrecer escoita, orientación e apoio ás persoas que se senten soas.
Neste sentido, subliñou a importancia de que calquera persoa que precise axuda poida chamar ao teléfono 900 830 831 e atopar ao outro lado da liña alguén disposto a escoitala e acompañala. Segundo sinalou, trátase dun recurso esencial para combater a soidade non desexada e garantir que as persoas que o necesitan conten cun apoio próximo e profesional.
Ángeles Vázquez agradeceu o compromiso e a dedicación de Cruz Vermella en Galicia e expresou a vontade do Goberno galego de manter a colaboración coa entidade para continuar dando resposta ás necesidades sociais da cidadanía en todo o territorio galego.
