
O 38,5 % das explotacións galegas xa monitoriza o movemento dos animais, mentres que só o 8,5 % dispón de cobertura en toda a granxa. DATAlife prestou 172 servizos ao sector agro-mar alimentación desde 2023.
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2026. – Galicia representa o 16,2 % da mostra estatal de explotacións gandeiras analizadas no diagnóstico 2022-2025 do Observatorio para a Dixitalización do Sector Agroalimentario, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e o Grupo Cajamar a partir de 591 enquisas. Trátase da maior porcentaxe de participación entre todas as comunidades autónomas.
O informe sitúa a gandería galega por riba da media estatal en varias tecnoloxías dixitais, como a monitorización do movemento dos animais, o uso de tabletas e a utilización da nube, así como na formación dixital. Porén, persisten eivas en conectividade, sensores de temperatura e automatización de procesos.
O 38,5 % das explotacións galegas monitoriza xa o movemento dos animais, unha porcentaxe superior á media española. En cambio, só o 8,5 % dispón de cobertura en toda a explotación, fronte ao 20,1 % do conxunto estatal. Esta limitación dificulta a transmisión de datos en tempo real e o aproveitamento de tecnoloxías como os colares intelixentes, os sensores ou as cámaras.
A automatización tamén presenta marxe de mellora. A distribución automática de alimento está implantada no 47,9 % das granxas galegas, fronte ao 58,7 % da media estatal, mentres que o control automatizado do ambiente alcanza o 26 %, oito puntos por debaixo do dato nacional, situado no 34 %.
A xestión dixital constitúe outro dos desafíos. O papel continúa presente no 59,4 % das explotacións galegas e o 18,8 % non emprega ningunha ferramenta dixital para a xestión gandeira. A integración dos datos de muxido, alimentación e saúde animal nunha mesma plataforma pode facilitar unha toma de decisións máis eficiente e abrir a porta ao uso de técnicas avanzadas, como a intelixencia artificial.
O peso do vacún condiciona a dixitalización galega
Galicia concentra o 42 % da produción española de leite de vaca, polo que as características do sector condicionan as necesidades tecnolóxicas das súas explotacións.
As porcentaxes de implantación dixital non dependen unicamente da vontade de innovar. Tamén están relacionadas co tipo de gando, o tamaño das granxas, a orografía, o clima e a distribución das parcelas.
Segundo o Centro Común de Investigación (JRC) da Comisión Europea, as explotacións de maior tamaño adoitan adoptar máis tecnoloxías, mentres que unha conectividade deficiente pode reducir esa adopción entre un 4 % e un 30 %. No caso galego, a dispersión das parcelas, o relevo e as condicións do pastoreo dificultan a cobertura integral das explotacións.
Os datos do diagnóstico amosan, ademais, diferenzas significativas entre as distintas orientacións produtivas. No vacún de leite, o 35,3 % das granxas mide automaticamente a produción, fronte ao 12,2 % da media indicada no informe. Con todo, o 38,2 % carece de ferramentas dixitais de xestión gandeira.
No vacún de carne, o 32,4 % das explotacións utiliza sensores de movemento, mentres que o 21,2 % non dispón de ferramentas dixitais e só o 3,4 % realiza medicións automatizadas da produción.
No porcino destaca a distribución automática de alimento, presente no 74,3 % das granxas, mentres que na avicultura sobresaen os sensores de temperatura, implantados no 66,7 % das explotacións.
Neste contexto, as prioridades para Galicia pasan por aproveitar os datos xerados nos establos de produción láctea, integrar as distintas fontes de información e mellorar a toma de decisións coa axuda da intelixencia artificial. No vacún de carne, o reto consiste en adaptar solucións dixitais sinxelas e accesibles ás necesidades das explotacións de menor tamaño.
DATAlife impulsa a transformación dixital do sector
Para acompañar este proceso, DATAlife traballa con granxas, cooperativas e empresas da cadea agro-mar alimentación. A iniciativa desenvólvese no marco da Estratexia de Hubs promovida pola Xunta de Galicia e busca facilitar o acceso á innovación e ás tecnoloxías dixitais.
Desde 2023, o Hub prestou 172 servizos a entidades do sector agro-mar alimentación, aos que se suman outros 86 servizos a entidades transversais dos ámbitos da biotecnoloxía, forestal-madeira e saúde e coidados.
A súa actividade estrutúrase en catro liñas principais: a experimentación con tecnoloxías como a intelixencia artificial, os sensores e a análise de datos antes de investir; a formación dos equipos; o apoio para acceder a financiamento; e a conexión co ecosistema galego de innovación, integrado por empresas, centros tecnolóxicos e universidades.
A esta oferta engádese Traza a ruta, un servizo de diagnóstico da madurez dixital que establece un plan de acción personalizado. A iniciativa é froito do convenio entre DATAlife e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Cooperativas e empresas que xa avanzan na dixitalización
Entre os casos de aplicación destaca o da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), que elaborou a súa folla de ruta dixital a través do servizo Traza a ruta. Desde 2026, a entidade integra un sistema de xestión empresarial (ERP) e prepara novas ferramentas para analizar datos sobre benestar animal e sustentabilidade, así como unha plataforma de intelixencia sectorial destinada ás cooperativas asociadas.
Outro exemplo é Néboda, empresa galega especializada en agricultura vertical. Co apoio de DATAlife e do centro tecnolóxico Gradiant, desenvolveu unha aplicación capaz de calcular automaticamente o peso das plantas cunha desviación de só un 7 %.
Estes proxectos ilustran como a dixitalización pode adaptarse a necesidades concretas e traducirse en melloras na xestión, no seguimento dos procesos produtivos e no aproveitamento dos datos.
«A tecnoloxía só serve se encaixa coa granxa. Unha explotación de leite nun val atlántico non necesita o mesmo ca unha de porcino nin ca unha de vacún de carne en pastoreo. Por iso, en DATAlife non ofrecemos receitas únicas: probamos, formamos e adaptamos cada tecnoloxía a cada entidade e á realidade de Galicia», sinala Lucía Castro Díaz, xerente do Hub.
O diagnóstico do Observatorio apunta así a unha dobre necesidade para a gandería galega: mellorar as condicións de conectividade e avanzar na integración das ferramentas dixitais xa implantadas. A adaptación das solucións ao tamaño e ás características de cada explotación será clave para transformar a tecnoloxía en melloras efectivas de produtividade e competitividade.
Fonte: MAPA e Grupo Cajamar, Observatorio para a Dixitalización do Sector Agroalimentario. Diagnóstico 2022-2025. Conxunto da gandería.
