
A alcaldesa nacionalista denunciou a súa socia socialista por presuntamente forzar a porta do despacho da Alcaldía durante a súa ausencia, mentres se atopaba nas Illas Canarias. Unha situación que, como xa viña informando Faro da Costa, evidencia a deterioración da relación entre as dúas formacións.
O pacto de goberno de Muros atravesa unha grave crise política que ameaza a continuidade da alianza entre nacionalistas e socialistas. O que viña sendo unha relación marcada por diferentes episodios de tensión acabou por estalar tras un novo enfrontamento entre a alcaldesa, a nacionalista María Lago, e a súa tenente de alcaldesa, a socialista Caridad González.
O detonante desta nova crise foi a denuncia presentada por María Lago contra Caridad González por presuntamente forzar a fechadura do despacho da Alcaldía, que permanecía pechado mentres a rexedora se atopaba ausente, supostamente pasando uns días nas Illas Canarias a semana pasada.
O episodio provocou un novo enfrontamento no seo do executivo municipal e acabou por precipitar unha decisión de importantes consecuencias políticas: María Lago cesará a Caridad González dos seus cargos de tenente de alcaldesa e concelleira de Cultura.
Como xa viña informando Faro da Costa, a situación interna do goberno muradán estaba marcada desde hai tempo por diferentes desencontros e discrepancias, nunha convivencia política que cada vez resultaba máis complicada. O incidente da fechadura da Alcaldía parece ter sido o punto de inflexión definitivo.
A decisión da alcaldesa deixa agora en cuestión o futuro do pacto e abre un novo escenario político no Concello de Muros. Haberá que agardar para coñecer cal será a resposta do grupo socialista e se esta ruptura de responsabilidades municipais acabará desembocando tamén nunha ruptura definitiva do acordo de goberno.
O executivo local afronta así unha das súas maiores crises desde o inicio do mandato, cunha relación entre as dúas formacións socias profundamente deteriorada.
