O BNG da Costa da Morte convoca en Camariñas un acto conmemorativo do 25-N contra a violencia machista

O grupo de Acción Feminista do BNG da Costa da Morte organiza este martes, 24 de novembro, un acto en Camariñas con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se conmemora o 25 de novembro.

A convocatoria terá lugar ás 17:30 horas na Estatua da Muller, fronte á Casa de Pedra, e incluirá a lectura dun manifesto e unha ofrenda floral en memoria de todas as vítimas da violencia de xénero.

Desde Acción Feminista do BNG da Costa da Morte reiteran o seu compromiso coa loita contra as violencias machistas e coa defensa dos dereitos das mulleres, reivindicando a construción dunha sociedade libre de violencia, na que se garanta o respecto á liberdade, á dignidade e á igualdade das mulleres.

O acto enmárcase nas mobilizacións e iniciativas que, con motivo do 25-N, buscan visibilizar a violencia de xénero, lembrar as vítimas e reafirmar a necesidade de continuar traballando para erradicar todas as formas de violencia machista.