O BNG leva ao Parlamento galego os problemas de infraestruturas e persoal do IES Eduardo Pondal de Ponteceso

A formación nacionalista denuncia o atraso nas obras da cuberta e reclama explicacións á Xunta pola falta de profesorado e persoal administrativo no centro educativo.

O BNG de Ponteceso vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas para reclamar solucións aos problemas que atravesa o IES Eduardo Pondal, tanto no relativo ás infraestruturas como á falta de persoal docente e administrativo.

A decisión chega despois de varias semanas de traballo e contactos, que incluíron unha reunión da asemblea local co deputado Óscar Ínsua, na que lle trasladaron as principais necesidades do centro educativo.

Un dos asuntos que centra as críticas da formación nacionalista é o atraso nas obras de reparación da cuberta. Segundo o BNG, os traballos deberían terse realizado durante o verán e estar rematados antes da chegada das choivas. Porén, o prazo de execución foi ampliado recentemente nun mes máis.

A formación lembra que o pasado 7 de outubro preguntou ao alcalde, nunha entrevista en Ser Nordés, como estaba xestionando os incumprimentos da Xunta respecto aos prazos anunciados. Segundo o BNG, a resposta recibida evidenciou que o rexedor non tiña previsto esixir á Administración autonómica o cumprimento dos seus compromisos.

Porén, a organización considera que os problemas do instituto van máis alá das deficiencias nas instalacións. Tamén denuncia a falta de profesorado nun curso no que se ampliaron as ensinanzas ofertadas e se reduciu o número de horas lectivas semanais de cada docente. Segundo os nacionalistas, esta situación debería ir acompañada da incorporación de, polo menos, tres profesores máis para completar o cadro de persoal.

O deputado Óscar Ínsua asegurou que a Consellería de Educación terá que dar explicacións no Parlamento galego sobre os recortes de profesorado no centro de Ponteceso. O representante nacionalista criticou as políticas educativas do Goberno autonómico e defendeu a necesidade de reforzar o ensino público fronte aos recortes.

Pola súa banda, Fátima Rodríguez considera que a falta de recursos destinados pola Xunta á educación pública, e particularmente ao IES Eduardo Pondal, evidencia o abandono das necesidades básicas da sociedade. A representante local tamén responsabilizou o Goberno municipal da situación pola súa, segundo afirmou, falta de firmeza diante da Administración autonómica.

Desde o BNG de Ponteceso reclaman que a Xunta dea resposta ás necesidades do instituto e garanta os recursos humanos e materiais necesarios para ofrecer unha educación pública de calidade. As iniciativas rexistradas no Parlamento buscan que estas demandas sexan abordadas tanto nas comisións parlamentarias como no pleno.