


A Coruña saíu á rúa este 25 de novembro para alzar a voz contra as violencias machistas. Representantes de todos os grupos políticos da corporación municipal e numerosos cidadáns participaron na mobilización convocada con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, reclamando a erradicación de todas as formas de violencia machista.
Baixo a mensaxe de que «non hai escusas», a cidade volveu reivindicar a necesidade de unidade e compromiso fronte a unha problemática que continúa presente na sociedade.
Porén, esta xornada tamén deixa unha cuestión pendente de aclarar no ámbito político de Santa Comba.
Desde este medio remitímoslle no seu día un correo electrónico ao Partido Popular para coñecer a súa posición sobre os feitos acontecidos no Bar Duca de Santa Comba, onde unha militante do PP denunciou unha agresión verbal e un comportamento que cualificou de inaceptable por parte dun home que daquela estaba vinculado ao partido.
A resposta recibida polo medio foi que esta persoa non estaba ao día no pagamento das cotas e que, polo tanto, non figuraba como afiliada á formación. De aí que nos referísemos a el como exmilitante.
Non obstante, recentemente, durante un acto de campaña do PP en Santa Comba, produciuse unha imaxe que volveu poñer o asunto sobre a mesa: un alto cargo provincial da formación saudou cunha aperta a esta mesma persoa.
Unha escena que suscita preguntas sobre a relación que mantén actualmente o partido con quen asegurara que xa non formaba parte da organización.
Nunha xornada na que as institucións e as formacións políticas reivindican publicamente a tolerancia cero fronte ás violencias machistas, tamén resulta pertinente reclamar coherencia, explicacións e compromisos claros cando xorden situacións deste tipo.
Porque contra a violencia machista non debería haber escusas, pero tampouco preguntas sen resposta.
