Vimianzo aproba un orzamento de 9,4 millóns de euros para 2027 sen subir impostos nin taxas

As contas municipais, aprobadas con 11 votos a favor do Goberno local e do BNG e a abstención do PP, priorizan os servizos públicos, o benestar social e os investimentos nas parroquias.

O Concello de Vimianzo aprobou no pleno municipal os orzamentos para 2027, que ascenden a 9.405.911 euros, cun equilibrio entre ingresos e gastos e sen incrementar os impostos nin as taxas municipais. As contas saíron adiante con 11 votos a favor, correspondentes ao Grupo de Goberno e ao BNG, e a abstención do Partido Popular.

A aprobación no mes de novembro permitirá ao Concello iniciar o próximo exercicio coa planificación económica preparada e afrontar con antelación as necesidades municipais. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, agradeceu o apoio do BNG e valorou a abstención do PP, destacando a vontade de manter o diálogo e o respecto institucional.

Un orzamento adaptado á realidade municipal

As contas están deseñadas para responder ás necesidades dun municipio extenso e disperso, con 14 parroquias e 133 núcleos de poboación, nun contexto de incremento dos prezos dos materiais, dos contratos de servizos, dos convenios laborais e dos gastos de persoal, tamén derivados da Relación de Postos de Traballo (RPT).

O Goberno local mantén así o compromiso de non incrementar a presión fiscal sobre a veciñanza, a pesar do déficit que presentan servizos como a recollida e tratamento do lixo.

O benestar social, entre as principais prioridades

A atención ás persoas maiores, á infancia e ás familias, así como a conciliación, ocuparán un lugar destacado no orzamento. A nova contratación dos servizos da vivenda comunitaria, da escola infantil municipal, do comedor e da lavandería sobre rodas supón un importante esforzo económico para as arcas municipais.

Tamén se manterán servizos como a Axuda no Fogar, que continúa sen lista de espera, o programa de madrugadores, os campamentos de verán, Nadal e Semana Santa, as axudas escolares, á natalidade e de emerxencia social.

O Concello seguirá apoiando, ademais, a cultura, o deporte, o comercio local e o tecido asociativo, recoñecendo o papel que desempeñan na vida social e económica do municipio.

Máis de 1,1 millóns de euros en investimentos

O capítulo de investimentos contempla 1.117.000 euros, dos que 870.000 euros contan coa previsión de financiamento da Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos (POS).

Esta achega permitirá continuar mellorando infraestruturas e servizos nas parroquias, ao tempo que o Goberno municipal mantén a aposta polo desenvolvemento do polígono empresarial, a creación de emprego e a xeración de oportunidades para a veciñanza.

A licitación dos servizos municipais

Na mesma sesión aprobouse o expediente de contratación dos servizos da vivenda comunitaria, da escola infantil, do comedor e da lavandería sobre rodas, cun importe de 908.558,49 euros e unha duración máxima de cinco anos: un ano inicial e dúas posibles prórrogas de dous anos cada unha.

O pleno tamén concluíu o expediente de investigación dun camiño situado no núcleo de Sanfins, na parroquia de Cambeda, acordando declarar que non consta a súa titularidade pública municipal.

A alcaldesa apelou ao diálogo entre as partes para retomar as negociacións e buscar unha solución consensuada que permita garantir o acceso da veciñanza aos seus montes.

Recoñecemento ao persoal municipal

Mónica Rodríguez trasladou o seu agradecemento ao persoal municipal polo traballo realizado na elaboración dos orzamentos e na tramitación da nova contratación dos servizos sociais. Destacou tamén a implicación dos equipos municipais, a incorporación de maquinaria e equipamentos e a capacidade de executar numerosos traballos con medios propios para mellorar o mantemento do territorio.

A rexedora reafirmou a vontade do Goberno local de manter unha política de portas abertas, baseada no diálogo, a concordia e a colaboración institucional, independentemente de quen goberne nas distintas administracións.

«As cifras son importantes, pero o que realmente importa é o que conseguimos facer con elas: mellorar a calidade dos servizos, coidar dos nosos maiores e da nosa infancia, facilitar a conciliación, manter as nosas parroquias e xerar oportunidades de futuro», sinalou.

Rodríguez concluíu reafirmando o compromiso do Goberno municipal con Vimianzo e coa súa veciñanza, asegurando que, malia todo o que queda por facer, continuará traballando con ilusión e responsabilidade para mellorar a calidade de vida no municipio.