O BNG propón un plan para crear 150 vivendas de protección pública na Costa da Morte

A formación nacionalista reclama un plan específico da Xunta que distribúa a oferta residencial por todos os municipios da comarca, con opcións de compra e alugueiro.

Xurxo Rodríguez defende que facilitar o acceso á vivenda é imprescindible para frear o despoboamento e garantir o futuro dos concellos rurais.

Costa da Morte, 26 de novembro de 2026. O BNG propón a creación dun mínimo de 150 vivendas de protección pública na Costa da Morte, a través dun plan específico da Xunta de Galiza que permita ampliar a oferta residencial en todos os municipios da comarca e facilite á veciñanza o acceso a unha vivenda digna, tanto en réxime de compra como de alugueiro.

A formación nacionalista considera que a situación do mercado inmobiliario é cada vez máis preocupante, marcada polo incremento dos prezos, a escaseza de vivenda dispoñible e a crecente orientación do sector cara ao turismo, unha actividade que ofrece maior rendibilidade aos propietarios. Esta realidade, sostén o BNG, dificulta especialmente o acceso á vivenda para as persoas con salarios medios e para a mocidade que quere desenvolver o seu proxecto de vida na comarca.

Os nacionalistas alertan tamén de que os alugueiros están moi por riba da capacidade económica de boa parte da poboación, chegando a representar máis do 40 % dos ingresos mensuais, e denuncian a proliferación de contratos de curta duración, que impiden garantir a estabilidade residencial durante todo o ano.

“Estamos ante un problema estrutural que está expulsando á veciñanza e dificultando que a xente nova poida quedar ou regresar á Costa da Morte. Non podemos permitir que a vivenda se converta nun privilexio nin que os nosos municipios queden reducidos a destinos turísticos estacionais”, sinalan desde o BNG.

Propostas concretas nos municipios da comarca

A proposta nacionalista pasa por mobilizar solo público, recuperar edificios en desuso e aproveitar inmobles susceptibles de rehabilitación para incrementar o parque de vivenda protexida.

En Corcubión, o BNG lembra que o Concello xa puxo a disposición da Consellería de Vivenda terreos para construír 26 novas vivendas e rehabilitar outras seis de titularidade municipal. En Fisterra e Cee, a formación apunta á existencia de inmobles pertencentes á SAREB que poderían ser cedidos ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para destinalos a vivenda pública.

En Carnota, os nacionalistas identifican distintas localizacións con potencial para desenvolver novas promocións, como Lamanín, na Carrasqueira; Lamas de Castelo, en Quilmas, xunto ao cemiterio; e A Lomba, en Lariño.

En Vimianzo, consideran que existen solares na zona urbana que poderían adquirirse para construír vivenda de protección pública, mentres que en Zas propoñen rehabilitar as antigas vivendas dos mestres e incorporalas ás bolsas de alugueiro da Xunta.

No caso de Camariñas e Muxía, o BNG reclama aos gobernos municipais avanzar no desenvolvemento dos solos urbanos non consolidados, co obxectivo de obter as cesións obrigatorias que permitan incrementar o patrimonio público e destinalo á construción de novas vivendas.

“A vivenda pública tamén ten que chegar ao rural”

O responsable comarcal do BNG da Costa da Morte, Xurxo Rodríguez, considera que as políticas de vivenda da Xunta non poden concentrarse exclusivamente nas cidades e nos grandes núcleos de poboación.

“Se queremos frear o despoboamento na nosa comarca, debemos garantir vivenda a prezos xustos. Isto é posible: só fai falta que os concellos faciliten terreos ou edificios para rehabilitar e que a Xunta se poña a traballar dunha vez por todas, despois de tantos anos sen facer nada”, afirmou.

Rodríguez reivindicou a necesidade de impulsar promocións de vivenda protexida tamén nos municipios rurais, para que as persoas poidan permanecer nas súas localidades, acceder a servizos e construír nelas o seu futuro.

“Estamos a ver como a vivenda nova de protección pública comeza a impulsarse nas cidades e nos concellos de máis de 30.000 habitantes. É hora de que os pequenos municipios tamén teñan oportunidades. Se non actuamos, seguiremos perdendo poboación e convertendo os nosos concellos en parques temáticos con apenas tres meses de vida no verán”, advertiu.

O BNG asegura que impulsará esta proposta desde todas as institucións nas que ten representación, reclamando á Xunta un compromiso efectivo coa vivenda pública na Costa da Morte e defendendo tamén esta demanda no ámbito estatal.

“Construír e rehabilitar vivenda digna na Costa da Morte non é unha utopía, é unha necesidade e unha actuación perfectamente posible. O que falta é vontade política e compromiso para facela realidade”, concluíu Rodríguez.