LUCAS OUBIÑA, UN EXEMPLO DE AUTONOMÍA E SUPERACIÓN PARA A MOCIDADE CON TRASTORNO DO ESPECTRO AUTISTA

O mozo de 16 anos, natural de Caldas de Reis, presenta o seu libro *Harto de pensar*, unha obra na que explica como percibe, pensa e entende o mundo unha persoa con TEA.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2026.– A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, mantivo esta tarde un encontro co mozo Lucas Oubiña, de 16 anos e natural de Caldas de Reis, quen lle presentou o seu primeiro libro, Harto de pensar. A publicación nace co obxectivo de dar a coñecer a maneira de pensar, sentir e comprender o mundo das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA).

Durante a reunión, Ángeles Vázquez destacou o percorrido persoal de Lucas e puxo en valor a súa autonomía, esforzo e capacidade de superación, cualificándoo como un referente para a mocidade con autismo. Así mesmo, agradeceu a súa iniciativa e compromiso coa sensibilización social, ao contribuír a achegar a realidade do TEA á cidadanía a través da súa propia experiencia.

A conselleira salientou tamén a importancia da obra para as familias que reciben un diagnóstico de autismo, xa que pode converterse nunha ferramenta de apoio para comprender mellor as necesidades, as vivencias e as formas de expresión das persoas con TEA. Neste sentido, considerou que o libro pode axudar a derrubar prexuízos, favorecer a empatía e avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva.

Finalmente, Ángeles Vázquez manifestou o orgullo de Galicia por contar con mozos como Lucas Oubiña, que, a través da súa iniciativa, contribúen a dar visibilidade á diversidade e a promover a inclusión e a igualdade de oportunidades.

Con Harto de pensar, Lucas convértese nunha voz protagonista á hora de explicar a realidade do autismo desde a súa propia perspectiva, ofrecendo unha oportunidade para coñecer mellor outras formas de percibir e interpretar o mundo.