A Audiencia da Coruña obriga a Abanca a devolver 8.874 euros a unha vítima dunha fraude bancaria

A Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena a Abanca para devolver 8.874,02 euros a unha clienta vítima dunha fraude bancaria, ao desestimar o recurso presentado pola entidade financeira.

A sentenza, do 5 de novembro, aplica a recente doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que establece que os bancos deben devolver de inmediato o diñeiro das operacións non autorizadas, sen alegar como escusa unha posible neglixencia grave do cliente.

O tribunal considera que Abanca incumpriu esta obriga e lembra que, se entende que a clienta actuou con neglixencia grave, poderá reclamar posteriormente o reembolso das cantidades.

Ademais, impón á entidade bancaria as costas do recurso.