
O comedor escolar do CEIP de Caión comezará a funcionar nun novo emprazamento tras as vacacións de Nadal. O servizo trasladarase ao interior do Centro Sociocultural da Insua, unhas instalacións que permitirán ofrecer un espazo máis cómodo e funcional aos seus 30 usuarios.
O Concello e o centro educativo están a coordinar os traballos para realizar o traslado durante as festas do Nadal, co obxectivo de non interferir no funcionamento habitual do comedor.
As novas dependencias contarán con acceso directo desde o interior do colexio e permitirán, ademais, liberar espazo no propio edificio escolar.
O cambio de localización faise posible tras a finalización das obras de renovación integral do Centro Sociocultural da Insua. O edificio dispón agora de mellores condicións de illamento e eficiencia enerxética e acolle diferentes servizos en espazos independentes, entre eles o consultorio médico, instalacións para o tecido asociativo e actividades municipais, así como o novo comedor escolar.
A actuación supuxo un investimento de **171.400 euros** e contou co apoio económico da Xunta de Galicia e o cofinanciamento da Unión Europea.
