
O Concello de Camariñas reclama ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que garanta unha atención sanitaria adecuada á veciñanza ante os problemas de persoal e as dificultades para acceder ás consultas médicas no municipio.
A alcaldesa, Sandra Insua, púxose en contacto coa Xerencia do Sergas para solicitar explicacións pola situación que atravesa o Centro de Saúde de Camariñas e reclamar solucións ante as deficiencias asistenciais denunciadas.
Segundo trasladou o Concello, actualmente só hai un médico traballando no centro sanitario, mentres que unha das facultativas permanece de baixa sen que, polo momento, se incorporase unha persoa substituta.
Esta falta de persoal está a provocar dificultades para conseguir cita médica, con esperas que, segundo o goberno local, chegan a unha semana. A situación tamén afecta ás familias de Ponte do Porto, xa que o servizo de pediatría non se presta nesta localidade e os usuarios deben desprazarse ata Camariñas para recibir atención.
Desde o Concello consideran que estas circunstancias dificultan o acceso á asistencia sanitaria e reclaman ao Sergas que cubra de inmediato a baixa médica, reforce os recursos dispoñibles e garanta unha atención sanitaria próxima e en condicións adecuadas.
O goberno municipal insiste en que a veciñanza debe poder acceder á atención primaria e pediátrica sen ter que asumir esperas prolongadas nin desprazamentos que poderían evitarse cunha mellor organización dos servizos.
