
O Concello informa, en base ao comunicado remitido pola Federación Galega de Remo e a Asociación Liga Noroeste, da suspensión da xornada do domingo pola mañá do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras, tras avaliar as previsións meteorolóxicas previstas para ese día.
Segundo o informe do Comité de Seguridade, as condicións do mar previstas supoñen un risco para a seguridade das tripulacións participantes. Os datos achegados pola AEMET e MeteoGalicia sinalan a presenza de marusía con ondas de entre 3 e 4 metros, ventos sostidos de 12 a 16 nós e refachos que poderían alcanzar os 22 nós, superando os límites permitidos polos protocolos de seguridade.
Durante esta semana, o comité realizou probas no campo de regatas en condicións similares ou mesmo máis favorables, constatando que a ondada rompe na zona prevista para a instalación do tren de balizas de terra, o que dificulta o embarque das tripulacións e a celebración da proba.
Ante esta situación, a organización adoptou a decisión de concentrar toda a competición na tarde do sábado, cando as previsións meteorolóxicas son favorables para a práctica deportiva. Valorouse a posibilidade de trasladar a regata a unha ubicación alternativa, en coordinación coa Autoridade Portuaria, pero as dimensións do campo de regatas impiden a súa celebración en espazos portuarios.
Tamén se barallou un posible aprazamento para o primeiro fin de semana de setembro, mais a coincidencia cun partido de fútbol no estadio de Riazor impide a súa organización ese día.