
Nas condicións que ves nas fotografías atopou a Policía Local unha camada de oito cans na parroquia de Goiáns. Tras recibir o aviso da persoa que os atopou, os axentes acudiron rescatar os cachorros e custodiáronos ata que a empresa encargada do servizo de lacería puido recollelos e trasladalos ás súas instalacións para darlles os coidados axeitados.
Por desgraza, este tipo de feitos ocorren con demasiada frecuencia. E se ben é certo que a lei establece que as administracións deben recoller os animais abandonados, tamén obriga aos seus propietarios a adoptar as medidas precisas para evitar que isto teña que ocorrer. Non tomar as precaucións necesarias para evitar a reprodución incontrolada ou abandonar os cans ou gatos están consideradas faltas graves pola lei vixente, e poden supoñer sancións de 501 a 5.000 euros.
No noso concello hai rexistrados legalmente máis de 8.000 cans, pero a inmensa maioría dos que aparecen abandonados non o están. Non é un problema de lexislacións nin de sancións, senón de educación e responsabilidade.
O Concello de Carballo ten acollidos na actualidade medio cento de cans, tanto en instalacións municipais coma privadas, e a cifra vai en aumento. Pero nin os espazos habilitados con esa finalidade nin os recursos municipais son infinitos, e a única solución a este importantísimo problema é a concienciación cidadá sobre a responsabilidade que significa a chegada dun animal doméstico á familia. Por iso, antes de tomar unha decisión tan importante, pénsao ben. E se decides que si, achégate á canceira municipal. Un destes cachorriños, ou calquera outro dos cans que temos en acollida, algúns desde hai anos, agradecerancho eternamente.


