
O parque de bombeiros de Boiro alerta dunha situación crítica na súa dotación: o vehículo principal, o modelo tipo BUL-03 (bomba urbana lixeira), permanece de baixa indefinida por fallos mecánicos, antigüidade e problemas de seguridade.
Para substituílo, o xerente asignou ao parque o vehículo BUL-01, que segundo a propia unidade de bombeiros “ten os mesmos problemas mecánicos, antigüidade e seguridade que tiña o noso BUL-03 dado de baixa”.
Segundo indican os bombeiros, ás 10:00 horas non estaba dispoñible o BUL-03 no parque de Boiro, e posteriormente, ás 14:00 horas, entrou en servizo o BUL-01, non sen antes advertir da situación deficiente do vehículo.
A unidade cuestiona directamente a responsabilidade da xestión: “Quen son os responsables? Aqueles que o permiten!”, afirman nun comunicado público.