A Xunta inviste 80.300 euros no reforzo do firme da avenida de Becerreá, en Sarria

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas iniciou obras de rehabilitación do pavimento da Avenida de Becerreá, en Sarria, cuxo trazado coincide coa estrada autonómica LU-635.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que os traballos abranguen algo máis dun quilómetro, o que supón actuar en toda a lonxitude desta vía que conecta coa LU-636 en Vilar de Sarria.

Arias visitou a localidade para comprobar a marcha da actuación, cun orzamento de 80.300 euros financiados con cargo ao contrato de conservación e mantemento das estradas da zona sur da provincia de Lugo.

O proxecto céntrase na rehabilitación da capa de rodaxe, mediante a execución de fresados e a reposición do firme a carril completo. A obra vai a bo ritmo e se as condicións meteorolóxicas o permiten, pode quedar finaliza ao longo desta semana.

“A Xunta segue avanzando na mellora das infraestruturas viarias de Sarria”, afirmou o delegado, quen lembrou o Goberno galego acaba de investir 435.300 euros no acondicionamento de 3,5 quilómetros da estrada LU-636 ao seu paso polo municipio, dende o seu inicio na rúa Diego Pazos ata o polígono do Morelle. Neste momento estase a completar a última fase, que consiste no repintado das marcas viarias en todo o treito.

Igualmente, a Consellería vén de investir 895.500 euros no reforzo do firme e a mellora da seguridade nos oito quilómetros da LU-622, que discorre polos concellos de Sarria e Láncara.

As obras nas vías LU-636 e LU-622 enmárcanse nun contrato adxudicado o pasado mes de xuño, cun orzamento total de 2,3 millóns de euros, que incluíu tamén actuacións na LU-536 en Sarria e na  LU-533 no Saviñao.