
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reuníronse este martes no estadio Anxo Carro co arquitecto Óscar López Alba –de Ola Estudio- e con responsables da empresa que está a executar as obras de reforma do complexo deportivo, ás que a Xunta destina preto de 3,6 millóns de euros.
A reforma e modernización do estadio lucense comezou este verán e contribuirá a transformar as principais bancadas. Nas gradas norte e oeste faranse reformas orientadas á accesibilidade, funcionalidade e seguridade con novos accesos e aseos. Na grada sur farase unha fixa e definitiva, mentres que na grada leste desmontarase a cuberta e realizarase unha nova, reorganizando a zona do palco.
Os representantes autonómicos destacaron que a reforma suporá a mellora integral das instalacións do Anxo Carro, adaptándoas ás necesidades do CD Lugo e da afección. Os traballos prolongaranse ata o vindeiro ano, compatibilizando a práctica deportiva do club. Ademais, o próximo venres 14 o estadio acollerá o encontro entre a selección española de fútbol sub-21 e o San Marino, que se enmarca no clasificatorio para o Campionato Europeo de 2027.