Villaverde visita á Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns e destaca o seu labor a prol da actividade marisqueira

A Xunta apoia o sector ao abeiro das liñas de axuda autonómicas con máis de 230.000 euros nos últimos tres anos.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe a Agrupación de Mariscadoras do Esteiro do Anllóns na que destacou “o seu labor a prol da actividade marisqueira”. Un encontro que segundo explicou “serviu para analizar os resultados das actuacións realizadas durante este exercicio” e “poñer en común a situación actual, tanto da agrupación como dos bancos marisqueiros que xestionan”. A responsable autonómica subliñou a importancia da colaboración da Xunta co sector marítimo-pesqueiro que, no caso desta entidade, materializouse na execución de iniciativas ao abeiro das diferentes liñas de axuda autonómicas.

Villaverde, acompañada pola directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez,   explicou que a agrupación foi beneficiaria nos últimos tres anos dos apoios destinados ao reforzo e mellora da xestión dos recursos da pesca costeira artesanal e ás Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo, por un importe conxunto de máis de 230.000 euros. Tamén puxo en valor o traballo desta entidade, que agrupa a 30 traballadoras, no ámbito da comercialización e promoción dos produtos pesqueiros, “co berberecho como máximo protagonista”.

Nesta liña, subliñou o importante papel que xogan estas organizacións sectoriais no deseño de medidas eficaces de mellora das zonas produtivas e na posta en valor dos produtos do mar galegos, recoñecidos polo seu sabor e calidade. Unha liña de traballo que esta agrupación complementa coa aposta pola diversificación da actividade mediante o desenvolvemento doutras accións como o ecoturismo, ofrecendo visitas guiadas nas que divulgan a riqueza do seu oficio, do patrimonio natural e da cultura marítima da zona.

A titular de Mar da continuidade con esta visita a súa ampla axenda de encontros ás confrarías e agrupacións de toda Galicia. O obxectivo destas xuntanzas é abordar os aspectos singulares da actividade extractiva de cada zona así como reforzar o constante diálogo co sector no marco da cogobernanza que preside a xestión pesqueira na comunidade.