
O Parador Costa da Morte ampliará a súa apertura a dez meses e investirá máis de medio millón de euros en melloras
Muxía (A Coruña). O Parador de Turismo Costa da Morte ampliará o seu período de apertura a dez meses ao ano, reducindo a só dous meses o peche de tempada. A medida, anunciada este martes pola presidenta de Paradores, Raquel Sánchez, durante unha visita ao establecemento de Muxía, reforza a aposta da cadea pola comarca e polo turismo sostible.
Sánchez subliñou que esta decisión responde á demanda do tecido socioeconómico local, xa que o Parador de Muxía é un dos establecementos da rede con mellor ocupación e valoración. “O Parador Costa da Morte consolidouse como un motor de desenvolvemento e un revulsivo para a comarca. Somos plenamente conscientes do seu impacto positivo e queremos seguir apostando por el”, destacou.
Ademais, a presidenta anunciou un investimento superior aos 500.000 euros que se destinará á renovación dos interiores e zonas comúns, así como á instalación de placas fotovoltaicas para a produción de enerxía eléctrica e auga quente sanitaria. “Reforzamos así o noso compromiso coa eficiencia enerxética, a sustentabilidade e a mellora do confort dos nosos clientes”, sinalou.
O Parador Costa da Morte, inaugurado en 2020, forma parte tamén da rede de Puntos Violeta, unha iniciativa para a loita contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade.
Raquel Sánchez lembrou que os Paradores son espazos que conectan aos viaxeiros coa historia, a gastronomía e as comunidades locais, e destacou o labor social da compañía ao colaborar con provedores, artesáns e persoas que manteñen vivos os saberes tradicionais.