O Concello de Mazaricos esixe melloras urxentes nas redes de comunicación


Os tres grupos do Concello de Mazaricos únense para esixir melloras urxentes na rede eléctrica, internet e televisión

Os tres grupos municipais con representación no Concello de Mazaricos –Bloque Nacionalista Galego, Partido Popular e Espazo Común– aprobaron por unanimidade no pleno do 14 de novembro de 2025 unha moción conxunta para reclamar melloras inmediatas nas redes de distribución eléctrica, internet e televisión. A iniciativa chega tras meses de continuos cortes que afectan de maneira reiterada á veciñanza.

A moción, titulada “Necesidade de mellora e mantemento da rede eléctrica, da conexión a internet e das conexións á televisión no Concello de Mazaricos”, recolle o malestar da cidadanía ante unha situación que o pleno cualificou de “intolerable”, con impacto directo na calidade de vida e no desenvolvemento económico do municipio.

Servizos deficientes que afectan ao día a día

O documento subliña que os cortes recorrentes non só alteran a rutina das familias, senón que tamén provocan perdas nos negocios locais, nas explotacións gandeiras –piares fundamentais da economía mazaricana– e nas actividades que dependen da conectividade dixital, como o teletraballo. Ademais, incídese especialmente na vulnerabilidade da poboación maior, para quen estes servizos representan a súa principal vía de comunicación coa realidade e coa familia.

Cinco medidas consensuadas

A moción aprobada establece cinco liñas de actuación:

  1. Instar ás compañías distribuidoras a un mantemento axeitado das liñas e á renovación das instalacións obsoletas.
  2. Esixir reducións nas facturas polos períodos sen servizo.
  3. Reclamar á Consellería de Industria que vixíe e garanta o cumprimento das obrigas por parte das empresas, aplicando sancións se fose necesario.
  4. Solicitar á Deputación da Coruña partidas específicas destinadas a concellos de menos de 10.000 habitantes para mellorar estas infraestruturas.
  5. Trasladar o acordo ás compañías implicadas, á Xunta de Galicia e á FEGAMP.

Unidade política en defensa da veciñanza

Os portavoces asinantes –Juan Blanco (alcalde e voceiro do BNG), José Manuel Caamaño (PP) e Francisco Javier González (Espazo Común)– destacaron o valor desta unidade política para defender os intereses do municipio.
“Hoxe demostramos que, por riba de siglas, está o benestar dos nosos veciños e veciñas”, afirmou o alcalde Juan Blanco tras a votación.