O PSOE da Laracha denuncia a falta de drenaxe na nova pista de skate


A instalación queda anegada tras as primeiras chuvias e o partido critica a “neglixencia” na execución da obra

A Laracha — O PSOE da Laracha denunciou este luns a “grave falta de planificación e supervisión” na recente pista de skate municipal, que queda completamente anegada en poucos minutos cada vez que chove debido á ausencia de sistemas de drenaxe.

Segundo sinala a formación, a instalación —inaugurada recentemente como un novo espazo deportivo para a mocidade— convértese nun “estanque” tras as precipitacións, o que impide o uso da pista e pon en cuestión a calidade da obra. Os socialistas ironizan incluso co feito de que o skate park se está a converter, na práctica, na “Piscina Municipal ao Aire Libre”.

O PSOE considera que se trata dun “erro de enxeñaría impropio dunha obra básica” e critica que o governo municipal non sexa capaz de garantir “nin o mínimo imprescindible” nunha infraestrutura deste tipo. “Se non se resolve nin isto, que podemos esperar para cuestións máis complexas?”, cuestionan.

O partido reclama ao Concello unha intervención inmediata para instalar un sistema de desaugadoiro adecuado e asegurar que a pista cumpre a súa función sen poñer en risco a seguridade dos usuarios.